O Concello busca así revitalizar este mercado ao facilitar que poida funcionar ao 100% da súa capacidade
O Concello de Boqueixón atópase en pleno proceso de regularización do comercio ambulante na Feira de Lestedo. Este proceso ven dado polas baixas por xubilación e outros motivos, polo que o Concello está procedendo a admitir novas solicitudes de comerciantes ambulantes interesados.
Deste xeito, o Concello de Boqueixón actualiza o número de postos asistentes e facilita que o mercado poida funcionar plenamente, de forma que a veciñanza de Boqueixón teña á súa disposición unha oferta maior e máis variada, posto que o procedemento permitirá incorporar novos postos ao longo dos próximos meses. De feito, na última feira do pasado domingo xa se incorporaron dez novos postos.
As persoas interesadas en conseguir unha autorización para instalar un posto na feira de Lestedo poden solicitar información sobre o trámite a realizar no Concello de Boqueixón ou chamando ao teléfono 981 513 061.
A feira-mercado de Lestedo é unha das máis antigas da comarca xa que se celebra dende fai 150 anos. Este mercado, que ten lugar o primeiro e o terceiro de domingo de cada mes entre as 09:30 e as 15:00 horas, conta habitualmente con 70 postos nos que se poden atopar produtos de alimentación, téxtil, calzado, plantas, etc. Ademais os clientes deste mercado, situado moi próximo ao Pico Sacro, poden desfrutar do tradicional polbo á feira, viño do país, así como doutros produtos da zona.