Este ano os premiados foron: a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a Fundación María José Jove, a empresa Estrella Galicia, o programa ‘Pensando en ti’ e a xornalista Cristina Saavedra, responsable da ONG Global Humanitaria en Costa de Marfil
A Xunta agradeceu ao Grupo Social Once a súa colaboración ao longo destes anos na construción dunha sociedade xusta, igualitaria e chea de ilusión. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola Galicia, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu hoxe á gala dos Premios Solidarios que esta entidade organiza cada ano na cidade da Coruña.
A conselleira remarcou que o Goberno galego sempre estará ao lado do Grupo Social Once escoitando as súas necesidades e favorecendo que as persoas cegas conten con todas as facilidades para vivir unha vida plena e accesible. Neste sentido, lembrou todos os avances logrados durante estes anos para que estas persoas teñan cada vez máis autonomía, liberdade e poidan lograr todas as metas que se propoñan.
Fabiola García puxo tamén en valor as pequenas accións diarias de todas aquelas persoas que poñen o seu gran de area para seguir cimentando ese mundo mellor para as persoas con discapacidade. Este ano, as persoas ou entidades elixidas para recoller estes Premios Solidarios do Grupo Social Once foron a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a Fundación María José Jove, a empresa Estrella Galicia, o programa ‘Pensando en ti’ da Radio Galega e a xornalista Cristina Saavedra, responsable da ONG Global Humanitaria en Costa de Marfil.