O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, o tenente de alcalde Vicente Mariño e o segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta, compareceron hoxe para dar explicacións sobre a sentenza que obriga a pechar a gasolineira SBC de Ribeira.
No ano 2013 o Concello de Ribeira autoriza a licenza para o negocio; posteriormente prodúcese un recurso contencioso-administrativo e en xullo de 2017 chega a sentenza que anula dita licenza, recorrida despois polo Concello. “A gasolineira construíuse nunha parcela que estaba afectada por un incendio segundo informou o Servizo de Montes, polo que non se podía exercer a actividade.” explica Suárez-Puerta.
A empresa presentou un escrito de subsanación de discrepancias de catastro sobre unha segunda parcela non afectada, solicitando unha nova licenza que é aprobada no 2021. A segunda licenza é recorrida no contencioso administrativo, polo que chega ao Concello unha nova sentenza de clausura de actividade da gasolineira. No documento do do Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, especifícase que “a licencia outorgada ten a finalidade de eludir o cumplimento do fallo, ao cal contradice, e debe ser anulada.”
Francisco Suárez-Puerta destacou que “non é unha decisión política; senón que se trata dunha sentenza xudicial que este goberno debe cumprir”.
O equipo de goberno destacou as resolucións xudiciais desfavorables que recaeron de xeito sucesivo nas impugnacións dos expedientes de licencias municipais que autorizaban a implantación da estación de servizo SBC.
“A segunda licenza, outorgada no 2021, foi declarada nula de pleno dereito” explica Vicente Mariño, quen tamén resaltou os gastos xudiciais derivados do proceso e sinalou “ao señor Ruíz como único culpable”.
“O anterior equipo de goberno empregou cartos de tódolos ribeirenses para intentar resolver unha licenza que sabían que era incorrecta” explicou o alcalde Luís Pérez, quen aludiu a un informe do xefe do Servizo de Montes do 2020 que explicaba que concluía que a construción desa gasolineira era desfavorable.
Os tres membros de goberno destacaron a súa solidariedade coas traballadoras do negocio, coas que o propio alcalde Luís Pérez mantivo unha reunión tras coñecer asentenza. “Herdamos un mandato xudicial que é moi negativo para o Concello e que pode implicar un gasto importante para as arcas públicas; pero tamén moi negativo para as 8 traballadoras que van a quedar no paro” concluíu.