Tuesday 03 de December de 2024

A marca de calidade de Mariñas Coruñesas segue crecendo coa tripla certificación para 12 novas empresas


• O presidente e o alcalde de Oza Cesuras visitaron hoxe a Casa Grande do Soxal, que se incorpora como aloxamento e restaurante

• A formación de 2023 supera as 441 horas

A marca de calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas segue crecendo. A entidade desenvolve este ano un plan formativo que permite a empresas turísticas do territorio a obtención da tripla certificación, sumando o selo do SICTED e o do Club de Ecoturismo de España á mencionada marca da Reserva.

O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, e o alcalde de Oza Cesuras, Pablo González, visitaron hoxe un dos negocios que culmina o proceso: a Casa Grande do Soxal. É un establecemento con aloxamento e restauración que aposta pola introdución de produtos de proximidade da Reserva.
Na visita puideron departir co emprendedor do proxecto, que o asumiu o pasado decembro, Alain Lago. No acto participaron tamén o xerente do Plan de Sustentabilidade Turiística da Reserva, Diego López, e as concelleiras de Oza Cesuras, Carmen Barreiro e Pilar Rilo.

Mariñas Coruñesas está a desenvolver este 2023 unha formación a empresas que supera as 441 horas teórico-prácticas. Trabállase en pequenos grupos, polo que son 12 as empresas participantes.
Santiso destacou a importante de potenciar a economía circular como “sinónimo de calidade”. Para o presidente, que o turista viva unha experiencia “auténtica de proximidade” non só contribúe ao desenvolvemento da produción ou gandería, senón que ademais é garantía de éxito para os emprendedores.

A Casa Grande do Soxal está formada por un conxunto de casas señoriales que forman parte de Pazos de Galicia. Cunha contorna rural de 6.000 metros cadrados de terreo cunha gran diversidade de flora autóctona e rodeado de explotacións agrarias, un galiñeiro propio e unha horta, a gastronomía que pretende mediante a colaboración coa Reserva de Biosfera será a introdución de produtos de tempada e de proximidade certificados na Marca.