Friday 22 de November de 2024

Neda inicia un programa de reforzo educativo e de lecer para alumando con especiais dificultades


Trátase dun proxecto de formación en prevención, froito da colaboración cos concellos de Fene e Mugardos e co apoio de Sanidade

O Concello de Neda porá en marcha a próxima semana, no marco da agrupación cos veciños municipios de Fene e Mugardos, o programa formativo e de lecer saudable Refórzate. A iniciativa, que se está a ofertar aos tres centros educativos públicos do municipio, vai especialmente dirixida a alumnado de primaria e secundaria con dificultades de aprendizaxe, con problemas conductuais, ou con carencia de habilidades sociais.

O programa intermunicipal susténtase sobre dous piares diferenciados. Así, por unha parte, Refórzate contará con sesións de apoio semanais para os estudantes con dificultade de aprendizaxe xeneralizada, así como para aqueles rapaces e rapazas que o precisen nas áreas instrumentais ou materias centrais. Así, ensinaranse técnicas de estudo para mellorar o rendemento académico, incidindo nos punto febles de cada alumno/a.

Noutro plano, desenvolveranse sesións socioeducativas destinadas á prevención de condutas adictivas entre a xente nova. Así, desenvolveranse obradoiros para fomentar o uso responsable das novas tecnoloxías, abordarase o problema da ludopatía entre a mocidade e realizaranse talleres sobre alimentación equilibrada e saudable.

O alumnado participante será derivado polos centros escolares (CEIP San Isidro, CEIP de Maciñeira e IES Fernando Esquío, no caso de Neda) en colaboración coas familias e máis cos Servizos Sociais municipais. Establecerase un grupo de primaria e un de secundaria, tendo prioridade o alumnado en situación de risco e o que careza de Bolsas para necesidades educativas especiais.

Refórzate buscará un obxectivo específico, segundo o traballo personalizado desenvolvido en cada caso, que irá dende a mellora nas competencias educativas e sociais, ata apoiar a socialización dos menores participantes, pasando por fomentar a autoestima e a responsabilidade ou promover hábitos de vida saudables.

As familias que queiran ter máis información sobre o programa, subvencionado pola Consellería de Sanidade, poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607), encargados da coordinación do proxecto intermunicipal.