A mostra “Nós somos Elas”, da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda, quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, concretamente de José Mª Vidal, da colección permanente do Museo de Mar de Laxe.
Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas”.
O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.
Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo.
O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en “Nós somos elas”.
Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.