Observamos con abraio os últimos acontecementos vencellados á «actuación» da Xunta a través da Consellaría de Ethel Vázquez no noso Concello, da «chafallada» da Vía Ártabra e o desleixo máis absoluto no Couto até a improvisación máis electoralista na ocorrencia da pasarela de Santa Cristina, pasando pola calamitosa xestión do transporte metropolitano que afecta en toda a súa crueza a Oleiros.
A incompetencia
Causa estupor a teimosía do goberno do PP esgotando os recursos xudiciais até o Supremo, circunstancia que non fai máis ca reafirmar a absoluta torpeza da Xunta nun elemento tan básico como a quen corresponde aprobar un proxecto de trazado. Este clamoroso erro obrigará a reformular integramente o proxecto da Vía Ártabra, con graves consecuencias, que limitarán drasticamente a viabilidade e a efectividade dunha infraestrutura estratéxica para a comarca, a Vía Ártabra, eivada se non se contempla a ligazón coa A6, a liberación de peaxes e a necesaria protección medioambiental. Difícil cuantificar economicamente a desfeita para a cidadanía, na xestión da Conselleira en todo o que toca na Vía Ártabra.
Inoperancia como a amosada na resposta ante a pregunta da deputada do BNG Mercedes Queixas, efectuada diante das veciñas do Couto presentes no Parlamento. A Conselleira non «cae da burra» e volta a esquecer as súas funcións, agochándose detrás de dubidosos «informes técnicos» e tentando traspasar á súa responsabilidade ao Concello de Oleiros para eludir a súa propia.
Ocorrencia populista, a coñecida como pasarela de Santa Cristina, un proxecto propagandístico que nace viciado de orixe e que non foi obxecto de conversa previa ningunha entre a Xunta e os Concellos afectados.
Mentres, continuamos a agardar polas grandes materias pendentes das infraestruturas de comunicación na nosa comarca. Sen a coordinación de todas as administracións afectadas, a comezar pola Xunta, será imposíbel articular solucións que melloren a mobilidade.
A cortina de fume da recente sentenza (aínda recurríbel) contra o Concello de Oleiros pola esperpéntica actuación nas caricaturas da Conselleira na zona do Couto, non debe desviar a atención, nin afastarnos dos problemas reais (actuais e futuros) provocados á cidadanía de Oleiros pola incompetencia recorrente da Consellaría de Ethel Vázquez sen que mediara, até o día de hoxe, ningunha dimisión malia os motivos máis que obvios para que se tiveren producido.
Isto non obsta para criticar a actitude reiterada do Concello de Oleiros perante cada conflito que agroma con calquera Administración. Esiximos do Concello de Oleiros unha actitude seria e de asunción das súas responsabilidades. Xa abonda de constantes esperpentos, óperas bufas e grotescas escenificacións. Xa abonda de agocharse no conflito , xa abonda de enfrontamentos interesados que non conducen máis que a enquistar os problemas.
Cando estes conflitos dan lugar a condutas antixurídicas e a sentenzas xudiciais, a realidade é aínda máis triste tanto para o peto da veciñanza como para o bo nome da propia Institución municipal. Demandamos un liderado serio, dialogante, proactivo e demandante, cando proceder, do Concello de Oleiros en todas aquelas cuestións que afecten os lexítimos intereses da cidadanía oleirense. Xa é tempo.