Entre as medidas que contempla inclúese a creación dunha Oficina de Rexistro Cl@ve no Concello.
O Concello súmase á transformación dixital e a modernización da súa actividade administrativa. O equipo de Concello Dixital da Deputación da Coruña presentaba na Laracha a mediados do pasado mes o seu plan a seis meses: tres de execución, seguidos doutros tres de auditoría e seguimento. O obxectivo é a plena dixitalización dos servizos administrativos municipais ao abeiro do proxecto global de transformación dixital nas entidades locais da provincia.
A xornada de presentación convocou aos técnicos do equipo de transformación da Deputación coruñesa e aos responsables políticos e administrativos do municipio. As partes compartiron unha intensa axenda de traballo, na que se desenvolveron, ademais da presentación e contextualización do proxecto, as entrevistas cos interlocutores designados desde o Concello.
O plan contempla actuacións en materia de actualización da plataforma de tramitación electrónica TEDeC, así como sesións de formación e a ampliación dos servizos da Sede Eectrónica. Este pulo á dixitalización levará consigo, tamén, a creación dunha Oficina de Rexistro Cl@ve no Concello, o que evitará desprazamentos á veciñanza para obter a súa credencial dixital.
Os equipos de transformación e implantación traballarán en estreita colaboración cos empregados municipais designados como informantes clave de cada unha das áreas de actuación, aínda que o obxectivo final suporá a implicación da totalidade do persoal do Concello e dos seus responsables políticos.
Concello Dixital constitúe a aposta da Deputación da Coruña pola dixitalización das súas entidades locais, así como a mellora do seu funcionamento interno e dos servizos que estas restan á cidadanía.