Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño asume a secretaría do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


O Fondo celebrou esta mañá a Asemblea xeral da que saiu unha nova Comisión Executiva

A representante do consistorio será a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abriu o novo ciclo 2023-2027 cunha Asemblea Xeral na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva. O Concello de Nigrán renova a presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a vicepresidencia será para o edil de Cartelle Daniel Fernández. O Concello de San Sadurniño, que ocupou no anterior mandato a vicepresidencia, ostentará a partir de agora a secretaría representado pola concelleira de Benestar Mari Carme Muíño. Outros cargos da Executiva do Fondo son o alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, como tesoureiro, e as vogalías correspondentes aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Viveiro, Cuntis e Baños de Molgas, concretamente nas figuras das edís Marga Figueroa, María Rozas e Lara Fernández, e mais dos alcaldes Manuel Campos e Manuel Ángel Fernández, respectivamente.

Representantes duns corenta concellos participaron esta mañá na Asemblea Xeral celebrada na capital de Galicia, que se abriu cun balance do período 2019-2023 por parte do seu presidente. Juan González expresou como “o Fondo Galego permite que calquera municipio achegue o seu gran de area á construción dun mundo mellor, pois aportando moi pouquiño temos a posibilidade e o orgullo de facer cooperación internacional”. O rexedor situou entre os logros do mandato a adopción dun sistema de cotas máis proporcional, o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico da entidade repasou a continuación as accións que se están a promover no ano en curso, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, nas vindeiras semanas persoal dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume compartirá os seus coñecementos cos parceiros en terreo a través do programa Especialistas en Cooperar. Tamén proximamente vai celebrarse na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias. En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

Por último, na área de educación para a cidadanía global cobra especial protagonismo o proxecto europeo People & Planet, que busca involucrar á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático a través de actividades como consellos xuvenís, comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña sostible, concursos de vídeos e murais, exposicións virtuais ou os futuros obradoiros para a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A xuntanza pechouse lembrando as ferramentas comunicativas que ofrece o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como son as súas redes sociais.

San Sadurniño, como membro do Fondo, leva anos sendo parte das accións a prol do desenvolvemento que leva a cabo a entidade, integrada por un cento de municipios e tres deputacións. No período 2019-2023, o Concello asumiu a vicepresidencia a través da representación de Ana Belén Breixo Gundín, concelleira de Igualdade durante algo máis da metade do mandato.

Trala renovación da Comisión Executiva -que sempre se produce uns meses despois de eleccións municipais- o noso Concello “seguirá desempeñando unha función moi importante no Fondo, sendo parte do seu órgano de dirección e achegando propostas que contribúan a conseguir un mundo máis xusto”, comentou a concelleira de Benestar, Mari Carme Muíño, como nova secretaria da entidade.