Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño participa, un ano máis, no certame Vilas en Flor


O xurado visitou este mércores distintos puntos da zona urbana do municipio

O Concello de San Sadurniño aspira a entrar no exclusivo club das catro Flores de Honra, un obxectivo que na edición de 2022 só conseguiron tres dos case corenta concellos participantes

A Fundación Juana de Vega promove todos os anos un concurso no que se premia o bo facer dos concellos en canto a paisaxismo e outras medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza relacionadas coa integración do “verde” -árbores, zonas axardinadas, etc.- nas súas respectivas tramas urbanas. San Sadurniño participou por primeira vez na iniciativa en 2020, ano no que obtivo unha “Flor de Honra” -o distintivo que acredita as boas prácticas neste ámbito-, e volveu facelo en 2021 e 2022 dando un importante salto nas valoracións por parte do xurado experto, xa que conseguiu tres flores de honra dun máximo de cinco posibles. Neste 2023 o Concello presentou de novo candidatura co obxectivo non só de revalidar as tres flores, senón de conseguir polo menos unha máis. Dous representantes da fundación promotora visitaron este mércores distintos enclaves da zona urbana para avaliar os méritos cos que se pretende alcanzar ese obxectivo.

Vilas en Flor é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Este programa segue a estela de iniciativas similares xa en funcionamiento en Cataluña (Viles florides) e outros países como Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

A implantación en Galicia do movemento débeselle á Fundación Juana de Vega en colaboración con ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios do país e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, pero tamén a mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas, xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sostible das vilas e cidades, promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais e, en último caso, favorecer a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes urbanos.

As Flores de Honra son os distintivos que se conceden anualmente aos municipios participantes no programa Vilas en Flor, segundo o criterio dun xurado especializado. Hai cinco niveis: de 1, 2, 3, 4 ou ata 5 Flores de Honra, asignadas segundo o patrimonio vexetal e paisaxístico, as boas prácticas ambientais e de sustentabilidade e as actividades sociais, turísticas e de comunicación que se leven a cabo en cada concello participante, sempre que sexan coincidentes coa filosofía do certame.

San Sadurniño obtivo en 2021 e 2022 tres Flores de Honra e na presente edición aspira a manter o número de distincións ou incluso a chegar ás catro, algo que en Galicia, con 39 municipios participantes en 2022, só conseguiron Chantada, Allariz e Tomiño. Ningún participante, polo momento, chegou nunca ás cinco flores.

Visita do xurado
Representantes da Fundación Juana de Vega visitaron San Sadurniño este mércores pola tarde para facer a avaliación de campo, na que percorreron os xardíns municipais e os atractivos que se distribúen pola zona da Cortiña, onde se encontran o arboreto de especies do país, a horta de froiteiras autóctonas, o colmear didáctico, a área de servizos para autocaravanas e a Fraga Máxica. Ademais tamén se achegaron ao adro do Rosario, á avenida Marqués de Figueroa e á área recreativa dos Currás.

Na súa visita, a delegación da fundación estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, pola responsable da nova área de Axenda 2030, Raquel Piñeiro, e polo Axente de Desenvolvemento local, Roberto Lindín, quen lles explicaron aos avaliadores outras iniciativas nas que tamén está inmerso o Concello, como o centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, o Xeoparque do Cabo Ortegal, ou o proxecto de posta en valor de todo o ámbito da Cortiña e das ribeiras do Xubia no seu tramo urbano, coa previsión de investir preto de medio millón de euros financiados cos fondos da Transición xusta.

No certame Vilas en Flor 2023 participan un total de 39 municipios galegos, 15 da provincia da Coruña, 15 de Pontevedra, 6 de Ourense e 3 da provincia de Lugo. A adxudicación das Flores de Honra 2023 coñecerase a mediados de novembro ou principios do mes de decembro.