Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra continúa a súa aposta polo servizo de conciliación nas tardes


A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal puxo en marcha no pasado curso escolar o Espazo de Coidados Corresponsables co obxectivo de facilita-la conciliación nas tardes; un servizo municipal de balde, ao cal se lle dá continuidade neste 2023-2024 ao abeiro do Plan Corresponsables, financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade e xestionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Acompañada da axente da igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, remarcou a forte aposta da Administración local por contribuír a compatibiliza-la vida laboral e persoal de mulleres e homes, o cal se exemplifica tamén nos obradoiros de conciliación promovidos nos días non lectivos e nas vacacións do verán, ademais do Servizo de Madruga durante o período escolar. A dita iniciativa busca tamén fomenta-la corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia a través de actividades que realizará o monitorado coas crianzas participantes, entre outras propostas de carácter lúdico con perspectiva de xénero.

Esta prestación permanecerá activa de luns a venres durante o actual curso escolar, dende as 16.00 ata as 21.00 horas, nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras.

Dirixido a idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, o funcionamento do Espazo de Coidados Corresponsables está supeditado a un mínimo de 5 persoas asistentes diarias, mentres que o límite de prazas se establece nas 20.

Terán carácter prioritario aquelas familias coas seguintes circunstancias: monoparentais; vítimas de violencia de xénero en tódalas súas manifestacións; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas e busca activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos; e unidades familiares con persoas dependentes ao seu coidado.

De non cubri-la totalidade das prazas segundo estes criterios, abrirase a participación a tódalas familias solicitantes.

Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.