Friday 22 de November de 2024

Deu comezo en Santiago o curso de elaboración e xestión de proxectos europeos organizado pola Fundación Galicia Europa


Pretende ser un complemento da formación ofrecida no programa de especialización en financiamento comunitario

Como continuación do programa de especialización en financiamento comunitario que tivo lugar o pasado mes de setembro en Bruxelas, a Fundación Galicia Europa (FGE) organizou no Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela unha xornada sobre elaboración e xestión de proxectos europeos que se desenvolve ao longo do día de hoxe.

Os asistentes, profesionais de entidades públicas e privadas galegas que participaron na primeira edición do programa de financiamento comunitario, recibiron nesta ocasión formación especializada sobre os diferentes pasos a seguir para a elaboración e xestión de proxectos europeos, comezando pola planificación da estratexia de participación, o desenvolvemento da proposta e os seus aspectos financeiros, e rematando coa procura de socios e a planificación do traballo. Tamén se inclúe no programa unha dinámica de grupo na que os asistentes discutiron as súas ideas sobre as respostas innovadoras e de valor engadido que os proxectos deben achegar.

Na liña da primeira parte do programa, o obxectivo do curso é fomentar a participación galega en proxectos europeos, formando responsables de asuntos comunitarios que sexan quen de crear redes entre eles e promovendo a súa colaboración, para deste xeito sacar o maior proveito posible das oportunidades de financiamento que ofrece a Unión Europea.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.