Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño prepárase para un Samaín abraiante e participativo


O Concello, coa axuda de Pepablo Patiño e de varias entidades, organiza un itinerario temático polo centro urbano no serán do sábado 4 de novembro

Haberá distintas escenas relacionadas coas tradicións de Defuntos repartidas entre o Campo da Feira e o Convento do Rosario, onde o Samaín rematará cun magosto popular

As persoas que queiran converterse en personaxes do percorrido deben acudir á xuntanza que terá lugar na Casa da Cultura este xoves a partir das 21:00h

O sábado 4 de novembro á noitiña, San Sadurniño vivirá unha noite de Samaín que, de seguro, non deixará a ninguén indiferente. E é que, a diferenza doutros anos, cando se programaban actividades acompañadas ou non de castañas, nesta ocasión a cousa vai ser distinta e, sobre todo, participativa. A idea na que están traballando as concellarías de Cultura, Participación e Desenvolvemento é organizar para o público un percorrido entre o Campo da Feira e o convento do Rosario que estará cheo de sorpresas moi relacionadas cos ritos ancestrais do cambio de estación e as tradicións espirituais sobre o Alén e o tempo de Defuntos. A proposta adaptará ao centro urbano de San Sadurniño un formato ben exitoso que xa vimos en Naraío nos anos 2017 e 2018, contando para iso coa colaboración da propia asociación veciñal, da Asociación Cultural Brío, do actor e director teatral Pepablo Patiño e de calquera persoa ou colectivo que queira sumarse á posta en escena. Coa finalidade de implicar a máis xente, este xoves 5 de outubro ás 21:00h celebrarase na Casa da Cultura unha xuntanza de coordinación aberta á participación veciñal para perfilar personaxes e o desenvolvemento da actividade.

A semana pasada xa houbo un primeiro encontro de organización para definir as pautas xerais dun Samaín concibido como unha viaxe ás nosas tradicións máis enraizadas e á iconografía deste tempo, na que se mesturan usos ancestrais con outros asimilados polo cristianismo: a Santa Compaña, as choradeiras, o lobishom, o escintilar dos cirios, o recordo de quen xa non están, os contos de medo, as cabazas e nabos estarrecedores… deixando a un lado, iso si, vampiros, momias e outros elementos importados da cultura pop estadounidense.

De acordo co programa que se quere levar a cabo, o público terá que facer o percorrido comprendido entre o lavadoiro do Campo da Feira e o adro da igrexa de Santa María a Maior do Rosario, onde se rematará cun magosto popular. No camiño, que se andará en compaña de música e de alguén como guía do itinerario, irán atopándose escenas de todo tipo protagonizadas por múltiples personaxes, que incluso poden interactuar coa comitiva (iso forma parte da sorpresa), tal e como ocorreu nos samaíns de Naraío de 2017 e 2018.

Porén, para armalo todo fai falla xente. Algunha xa a hai, gracias á colaboración da rapazada e das nais e pais da Asociación Cultural Brío, da Asociación veciñal O Castelo de Narahío e doutras entidades -entre elas o CPI- coas que xa se falou ou se vai falar estes días para que se impliquen neste evento a medio camiño entre festa cultural e actividade teatral. De feito, para a coordinación escenográfica o Concello conta con axuda de Pepablo Patiño, quen xa ten máis ou menos deseñado tanto o fío condutor do percorrido como os lugares onde “pode pasar algo”.

O total de participantes achégase neste momento ás 40 persoas, pero aínda hai sitio para máis, dándo liberdade creativa para popor novos personaxes -insistimos, sempre que non sexan do halloween– ou para sumarse aos grupos que xa están creados.

Por iso, quen queira participar neste Samaín especial organizado polo Concello de San Sadurniño para o sábado 4 de novembro debe acudir á xuntanza de coordinación que terá lugar na Casa da Cultura este xoves 5 de outubro a partir das 21:00h. Nela ultimarase o itinerario final, os sitios onde o público fará paradas e outros aspectos relacionados coa loxística, como son a preparación do atrezzo, a iluminación e todo o necesario para unha posta en escena abraiante.

A programación e os horarios do Samaín de San Sadurniño daranse a coñecer días antes da data sinalada.