Friday 22 de November de 2024

Hugo García Souto e Natalia Castro Santos gañan a 40 Carreira Pedestre da Amaía (Brión), na que participaron máis de 300 atletas


O Club Atletismo Sar foi o equipo máis premiado, seguido polos locais do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago e a Sociedade Deportiva Compostela

O pontevedrés Hugo García Souto (RC Celta de Atletismo) e a buenensa Ester Navarrete Santana (San Miguel de Marín) gañaron a XL Carreira Pedestre da Amaía, disputada este domingo en Brión. O tempo acompañou e permitiu incrementar o número de participantes, chegando a tomar a saída un total de 309 atletas, 166 na proba absoluta.

O sub 23 Hugo García Souto impúxose por segundo ano consecutivo, repetindo exactamente o mesmo tempo que en 2022: 31 minutos e 31 segundos. Iso si, a realidade deste ano foi moi diferente pois se en 2022 sacoulle case medio minuto ao segundo clasificado, desta vez a vitoria foi ao sprint, pois o compostelán Jorge Puig Malvar (Club Atletismo Santiago) chegou a tan só 1 segundo do gañador. O terceiro posto foi para Manuel Lorenzo López (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) cun tempo de 31 minutos e 53 segundos en percorrer os 10 km da proba.

Na categoría feminina mantense a “maldición” desta proba: ningunha atleta repite título de forma consecutiva. Neste caso, Sandra Mosquera Losada (Comesaña Sporting Club) impúxose con autoridade e cun tempo de 36 minutos e 18 segundos. A atleta de Bueu, segunda na anterior edición, bateu en 20 segundo o tempo da gañadora do 2022, Ester Navarrete, quen non participou este ano. Ademais, entrou nun máis que meritorio posto 15 da clasificación xeral. Completaron o podio Mónica Nieves Fernández e Tina Fernández (Club Atletismo Sar).

A clasificación por equipos foi gañada polo Club Atletismo Sar, terceiros na edición anterior, con 160 puntos. O segundo posto foi para os gañadores do 2022, os locais do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, con 164 puntos. Completaron a clasificación a SD Compostela Atletismo (210), o Club de Atletismo Outes (404) e o Club de Atletismo Serres Running (511).

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado polas concelleiras Sandy Cebral, Rosa Romero e Guarina Rey, así como polos concelleiros Carlos Noya e José Antonio Vidal. Todas as persoas premiadas recibiron uns trofeos especialmente deseñados para esta edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.