Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Frades pídelle á Xunta que se cubran as baixas da facultativa do consultorio de Abellá ou o seu traslado


Ratifica un convenio co Concello de Ordes para pedir 60.000 € ao Fondo de Compensación Ambiental e unha modificación de crédito de 75.000 €

Homenaxe a Carmen Gómez Otero, secretaria acumulada no Concello de Frades nos últimos meses, que deixaba o seu cargo nesta sesión

O Pleno de Frades aprobou por unanimidade unha moción do PSOE, emendada polo Grupo de Goberno, en defensa da calidade da sanidade no municipio. Se inicialmente os socialistas instaban á Xunta de Galicia a mellorar a sanidade en Frades e a que o Concello solicitara unha reunión dos tres grupos municipais co conselleiro de Sanidade, o Grupo de Goberno do PP foi máis aló e incluíu dous novos puntos:

– Solicitarlle á Xunta de Galicia o traslado a outro centro de saúde da actual facultativa do consultorio de Abellá onde as súas circunstancias causen menos trastornos
– Instar á Xunta de Galicia a que, de non ser posible o traslado, cubra as continuas baixas da facultativa.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, fixo fincapé en que “gran parte do problema da sanidade en Frades xira en torno a esta facultativa e o seu dereito de poder prestar seis meses de servizo no Exército no momento que ela elixa”. Durante ese tempo, o consultorio de Abellá ten que ser atendido por médicos de substitución que envíe o Sergas ou, directamente, ten que pechar e derivar aos pacientes ao centro médico de Ponte Carreira. Unha situación que nestes momentos é especialmente delicada, pois coincide coa xubilación do médico de Ponte Carreira, despois de 33 anos no posto, e a saída da súa praza a concurso neste mes de outubro.

“O problema é que, ademais de haber falta de médicos, ningún MIR quixo vir cubrir a xubilación de don Juan neste verán. E agora sae a praza en outubro. Unha praza que pensamos que pode ser atractiva pero que, coa situación desta profesional, temos medo de que non queira vir ninguén”, advertiu o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro. E é que a persoa que asuma a praza de Ponte Carreira tería que atender tamén aos pacientes da súa compañeira de Abellá cada vez que esta marche a Cádiz a prestar servizo no Exército.

Unha situación que foi compartida por socialistas e nacionalistas, que coincidiron en destacar que a actitude desta facultativa e o cambio continuo de médico de cabeceira causan malestar entre a veciñanza de Abellá. “A Xerente da Área Sanitaria de Santiago estivo en Frades recentemente e falámoslle da situación, como fixemos tamén na reunión co conselleiro, e aínda que falou con ela non foi posible o acordo. Iso si, a xerente chamoulle a atención sobre a maneira na que estaba tratando aos pacientes”. Neste sentido, os pacientes que levaba ela todo o ano tiñan cita nun par de días e os demais tiñan que agardar máis dunha semana. O alcalde exemplificou a falta de empatía da profesional coa veciñanza en que cando pide máis formación quere trasladarse a facela Cádiz, non en Frades.

Finalmente, o alcalde comprometeuse a solicitar esta semana unha reunión co conselleiro de Sanidade para que os tres grupos municipais poidan darlle conta da situación da sanidade no municipio e lembrou que na anterior xuntanza se acordou que neste mes de outubro se cubriría a praza de Ponte Carreira.

Convenio e Modificación

Previamente, o Pleno aprobara cos votos a favor do PSOE e as abstencións do PSOE e BNG, unha modificación de crédito de 75.475 euros para vías e obras, limpeza viaria, transporte, alumeado e traballos de empresas. Uns cartos que serán financiados principalmente cos recortes dos dous soldos de persoal A2 de dous profesionais, que non incorporados este ano, e de parte do soldo da secretaria municipal, que neste pleno rematou o seu traballo como secretaria acumulada. O alcalde de Frades agradeceu o gran traballo realizado por Carmen Gómez Otero nestes meses no municipio e fíxolle entrega dunha reprodución da casa consistorial.

Así mesmo, o Pleno ratificou o convenio co Concello de Ordes para solicitar conxuntamente os Fondos de Compensación Ambiental, que permiten o mantemento dunha brigada que acomete traballos de roza e ambientais durante todo o ano en ambos os dous municipios. Ademais, solicitóuselle unha subvención de 60.000 euros á Consellería de Medio Ambiente para a realización destas tarefas. A proposta foi ratificada cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.

Amnistía e ensino

Finalmente, na quenda de mocións aprobouse unha presentada polo PP contra a Lei de Amnistía, na que os tres grupos municipais se limitaron a dar lectura aos respectivos argumentarios dos seus partidos políticos. A moción saíu adiante cos votos a favor do PP e os votos en contra de PSOE e BNG.

A que non foi aprobada foi a outra moción tipo, presentada neste caso polo PSOE, sobre o deterioro da calidade do ensino no rural galego e, por extensión, en Frades. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, rebateu todas as cifras chegadas polos socialistas coa situación do ensino en Frades, demostrando que si se compren as ratios no municipio. A proposta decaeu cos únicos votos a favor do PSOE, xa que o PP votou en contra e o BNG optou pola abstención.