O portavoz dos socialistas lamenta o ‘non’ de Rueda á promoción de vivenda pública, a incrementar a aportación ao SAF, ao centro de día de Fontiñas e ao centro de saúde de Conxo
Ironiza ademais con que o “único triunfo” da reunión “é que Borja Verea tivo que desdicirse e aceptar que o debate da taxa turística xa está superado”
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023. Decepcionados amósanse os socialistas logo da reunión entre a alcaldesa e o presidente da Xunta de Galicia. Unha reunión “que se leva anunciando durante máis de un mes” e da que, critican, “esperábamos máis porque a realidade é que este encontro non achegou nada relevante para a cidade, nada de compromisos, só estudos”.
O portavoz dos socialistas aféalle a Sanmartín a súa “nula capacidade de presión” ao tempo que critica a falta de compromiso de Alfonso Rueda con Santiago: “non souberon estar á altura da cidade de Santiago” afirma Gonzalo Muíños, que recoñece avances na definición do que é vivenda baleira, aínda que dubida “das condicións nas que se fará esa definición”.
Muíños insiste nos ‘non’ que recibiu a alcaldesa fronte os “anuncios triunfalistas”: “o presidente da Xunta dixo non a incrementar a aportación para o Servizo de Axuda no Fogar, non á nova sede da Escola Oficial de Idiomas, non a máis fondos para a EDAR, non a construír vivenda pública, non ao centro de día de Fontiñas, non ao centro de saúde de Conxo e non ao conservatorio de danza” denuncia o edil socialista, que afea ademais que se anuncie un incremento da aportación á Capitalidade e ao Consorcio cando non existe un “compromiso real”.
Critica Muíños que “se diga que xa están conseguidos os cartos” cando a realidade é que “o único que se dixo foi que se debaterá no Consello da Capitalidade”. Desde o grupo municipal socialista cuestionan ademais o estudo que solicitan desde a Xunta para buscar solucións á falta de taxis: “basta con que o presidente tente conseguir un taxi durante a celebración dalgún congreso ou en período vacacional para que se de conta de algo que é evidente”.
Un titular repetido e financiación municipal para o aparcadoiro do CHUS
Unha das cuestións que estaban enriba da mesa era a cuestión da mobilidade no entorno do Hospital Clínico. Neste sentido o presidente da Xunta manifestou que a próxima semana haberá unha reunión na que se verán as “obrigas de cada administración”. Algo “escandaloso” a ollos dos socialistas, que cuestionan a “capacidade de presión da alcaldesa” ante este anuncio: o Concello terá que asumir parte do custo da obra do aparcadoiro do CHUS.
“É reprobable que o Concello teña que asumir unha partida para pagar a ampliación dun aparcadoiro que usan os milleiros de persoas da área sanitaria que teñen como hospital de referencia o CHUS”, máis aínda, explica o socialista, “cando nas outras ampliacións dos hospitais de A Coruña e Pontevedra, é o SERGAS quen asume os custos”.
Muíños cuestionou tamén os avances para a implantación da taxa turística. Recalca que o único que hai é “un titular repetido, o mesmo que dixeron hai un ano” e demostra que “Sanmartín non avanzou en nada e Rueda preferiu non atarse en nada con Santiago, ou polo menos non o fará ata que o autobús do Partido Popular teña parada en Compostela” ironiza o portavoz dos socialistas que, asegura, “o único triunfo desta reunión é que Borja Verea tivo que desdicirse e aceptar que o debate da taxa turística xa está superado”.