Saturday 16 de November de 2024

Trenor clausurou o obradoiro de emprego Noia-Lousame-Outes no que se formaron 20 desempregados en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas


O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as necesidades das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, clausurou, esta maña, o obradoiro de emprego Noia, compartido con Lousame e Outes, que este ano formou 20 desempegados en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas.

Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.

Neste senso, lembrou que os participantes combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 12 meses, cun contrato en prácticas nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Na clausura o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego de garantía xuvenil dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2023-2024, que permitirá a realización dun total de 6 talleres na provincia da Coruña. Mediante estas iniciativas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nestes talleres na provincia da Coruña máis de 2,5 millóns de euros e na comarca da Coruña máis de 840.000 euros.

O delegado da Xunta informou de que, en breve, se notificarán os talleres de emprego duais nos que a Xunta fará un gran esforzo para atender a demanda de todos os concellos.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Con esta ferramenta incídese, ademais, na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.