O Concello Pleno de Neda vén de aprobar na súa reunión ordinaria, celebrada este mediodía na Casa da Cultura, a proposta de denominar ao polideportivo de San Isidro co nome de pavillón municipal Ale de Paz. A decisión, adoptada por unanimidade, supón todo un recoñecemento á traxectoria deportiva desta coñecida xogadora nedense, que está na elite do fútbol sala español.
Tras distinguila en sucesivas ocasións como mellor deportista local e convidala a firmar no libro de honra do Concello, a corporación local daba hoxe luz verde a un novo recoñecemento para esta futbolista local, que é un auténtico referente para o deporte feminino e tamén para a mocidade da vila, e que constitúe “un exemplo de entrega e sacrificio”.
O conxunto da corporación municipal fixo súa a moción do BNG que, como apuntou o alcalde, Ángel Álvariño, vai en sintonía coa idea do goberno local de recoñecer publicamente a todos os deportistas que levan o nome de Neda polo resto de España e do mundo.
Ale de Paz, que forma parte na actualidade do Poio Pescamar da Primeira División de Fútbol Sala feminino de España, conta cun palmarés de excepción, que inclúe dúas Eurocopas, dúas Supercopas de España, tres Copas da Raíña, dúas Ligas, tres Copas Xunta de Galicia. Segundo reza a moción, unha placa mostrará no pavillón os éxitos desta xogadora da Selección Española Absoluta de Fútbol-Sala, que exercía hai cousa dun mes como pregoeira da última Festa do Pan de Neda.
Outros asuntos abordados
Non foi o único asunto aprobado no pleno celebrado hoxe. Entre os asuntos que saíron adiante por unanimidade inclúese tamén a elección dos festivos locais do 2024. Como en anos anteriores, serán o martes de entroido e o luns 9 de setembro (ao caer o 8, Día de Santa María, en domingo). O pleno aprobada tamén a participación no POS + adicional 2023 e rexeitada a moción tipo presentada polo PP contra a hipotética tramitación dunha lei de amnistía.