A sala municipal de exposicións de Brión encheuse na noite do pasado venres para acoller a presentación do último libro de María Antonio Cao López: “Vivencias en el puente”, unha novela con elementos autobiográficos publicada pola editorial Letrame. Residente en Barcelona, María Antonia naceu e pasou os seus primeiros anos de vida na parroquia dos Ánxeles, lugar que visita con frecuencia e onde conserva familia e numerosas amizades.
Moitas desas persoas estiveron acompañándoa na presentación da súa segunda novela, á que tamén asistiron o alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero. Ao igual que hai dous anos, momento da presentación do seu primeiro libro “Rosas y espinas”, María Antonia Cao estivo acompañada polo seu marido, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga Vanesa Castro Ramallal, que exerceu como presentadora.
Ao rematar a presentación, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man para solicitar unha dedicatoria. Un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal de Brión e que se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.
Enmarcada dentro dos Encontros Literarios que organiza regularmente a biblioteca municipal, esta é a segunda vez que María Antonio Cao López presenta a súa obra en Brión. A anterior tivo lugar en decembro de 2021 co gallo da publicación do libro “Rosas y Espinas”, unha novela que conta unha viaxe dunha muller cara un lugar descoñecido coa ilusión de triunfar no amor e deseñar a súa vida.