A historia de Lyra McKee, xornalista e activista LGTBQ+, proxectarase mañá martes ás 20.00 horas
O ciclo continuará con “Adiós, queridos haters” e “Nosotras, mañana” en novembro en decembro
O filme irlandés “Lyra” (2022), de Alison Millar, abre ociclo de documentais no Centro Ágora cunha proxección mensual ata final de ano. “Lyra” trata sobre a xornalista de investigación e activista LGTBIQ+ Lyra McKee, asasinada no 2019 polo novo IRA. O documental, premiado no Festival Sheffield o pasado ano, busca afondar nos principais motivas da súa tráxica morte.
Alison Millar é unha das cineastas especializadas en documentais máis respetadas do panorama anglosaxón, con diferentes premios BAFTA, IFTA e Prix Italia, ademais de gañar o premio da Royal Television Society do Reino Unido e de Irlanda do Norte no 2016 por “Kids In Crisis” de Channel 4. O Goberno de Inés Rey busca impulsar o recoñecemento das mulleres cineastas no ciclo de documentais, programando tres filmes dirixidos por mulleres ata finais de ano.
O ciclo continuará o vindeiro 13 de novembro con “Adiós, queridos haters” (2022) de Hanka Nobis, que trata sobre Antek, un mozo polaco procedente dunha familia relixiosa de extrema dereita que comeza a dubidar da súa ideoloxía ao coñecer o amor. E o 12 de decembro será a quenda de “Nosotras, mañana” (2023) de Alisa Kovalenko, sobre a Guerra de Ucrania a través de cinco adolescentes de Donbás que intentan escapar dos bombardeos de Rusia. Todos os filmes serán proxectados en idioma orixinal con subtítulos en español.
As entradas para todos os documentais teñen un prezo xeral de 2.50 euros, reducido a 2 euros para carné xove, persoas desempregadas e maiores de 65. Pódense mercar en liña na web ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 a 19.30 h.
Tamén no despacho do Centro Ágora desde unha hora antes do inicio da proxección, sempre que fiquen localidades dispoñibles.