Saturday 16 de November de 2024

Ordes presenta un programa de Nadal repleto de espectáculos, diversión, música, obradoiros e moito máis


A gran cabalgata levará ás SSMM os Reis Magos pola principais rúas da vila ata chegar ao pavillón Castelao 1, onde recibirán aos nenos e nenas

O Concello de Ordes dá a coñecer o seu programa de Nadal. Unha morea de actividades para todos os gustos, nas que ao longo das vindeiras semanas os máis pequenos e pequenas son os protagonistas.
A primeira das citas será o vindeiro día 18, xornada na que os paxes reais visitarán a escola unitaria de Merelle e a escola infantil Sorrisos. Alumnos e alumnas terán a oportunidade de entregar en man as cartas e misivas cheas de desexos e solicitudes. Ao día seguinte, 19 de decembro, ás 12.30 horas os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música darán un concerto no auditorio da casa da cultura. Xa de cara ao 23 de decembro as Tardes de contos e lendas ofrecerán a partir das 18.30 horas ‘As aventuras de IIri, o axudante de Papá Noel’ (de 4 a 8 anos).

Un ano máis o Concello de Ordes en colaboración coa asociación de artesáns organiza o Mercado de Nadal Artesán. Durante os días 19 e 20 instalarase unha gran carpa na Alameda que albergará trinta postos onde se poderán mercar todo tipo de agasallos de autor. Haberá creacións feitas con la pura de ovella, pezas calcetadas e de gancho, coiro, sombreiros de palla, figuras en goma eva, xabóns, instrumentos musicais, bixutería, adornos de Nadal etc. Tamén se ofrecerán produtos de alimentación, como turróns ou embutidos, ademais de licores e polbo á feira.

Banda de Ordes
A Banda de Música de Ordes ofrecerá o día 26 o XXIV Concerto de Nadal. Un espectáculo co que os seus integrantes e directores queren felicitar a festas a todas e todos os ordenses, e que xa é unha tradición no municipio, acollendo sempre a numeroso público. Será na casa da cultura ás 19.30 horas. Neste mesmo espazo, esta vez o día 28 ás 18.30 horas, terá lugar o espectáculo de maxia ‘Animágicos’, que deixará coa boca aberta a toda a familia.
Os afeccionados e afeccionadas á cociña non poden perder o 29 de decembro o obradoiro de cupcakes de Nadal. Desenvolverase na Praza de Abastos para nenos e nenas con idades entre os 5 e os 12 anos, e en distintos horarios que van dende as 16.30 ás 18.30 horas. As prazas son limitadas e o prezo é de 9 €, polo que convén anotarse o antes posible. Antes de despedir o ano, o 30 de decembro, tarde de monicreques coa función ‘O roubo da saca de agasallos’. Será na casa da cultura a partir das 18.30 horas.

O 4 de xaneiro no pavillón Campomaior de 16.30 a 19.30 horas terá lugar unha gran festa de Nadal con inchables e xogos de todo tipo. Todo isto antes de que ao día seguinte, 5 de xaneiro, sexa a cabalgata de reis. A saída das SSMM os Reis Magos de Oriente está prevista para as 16.30 horas dende o Museo do Traxe para percorrer as rúas Campo da Feira, Canteira, Alfonso Senra, Lagartos e a zona do Paraíso. O punto de chegada será o pavillón Castelao 1, onde terán instalados os seus tronos e onde recibirán aos nenos e nenas que así o queiran. Por suposto non faltarán as sorpresas e os doces, aptos tamén para celíacos e diabéticos.