Saturday 16 de November de 2024

A Xunta recibe 2.500 solicitudes de axudas para mellorar a eficiencia enerxética en edificios e vivendas


— Ángeles Vázquez subliña que o seu departamento convocou este ano 3 programas de subvencións para actuacións de rehabilitación cun orzamento de máis de 43 M€

— Case a metade das peticións presentadas corresponden á provincia coruñesa

— A liña destinada á execución de pequenas obras nas vivendas, como cambio de ventás, suma case 1.100 solicitudes, outras 1.000 corresponden ao programa a nivel de edificio e 371 á orde de axudas para redactar proxectos e outra documentación

A Xunta recibiu ata hoxe case 2.500 solicitudes por parte de comunidades de veciños e particulares para acollerse ás diferentes liñas de axudas convocadas este ano co fin de mellorar a eficiencia enerxética en edificios residenciais e vivendas a través da execución de obras de mellora na envolvente térmica, carpintería exterior e fiestras, cubertas ou sistemas de refrixeración e calefacción.
Durante unha visita na cidade da Coruña a un dos inmobles que se beneficiou destas subvencións ao abeiro da convocatoria de 2022, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a boa acollida que tiveron tamén este ano as axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial financiadas con fondos europeos do programa NextGenerationUE.
Neste sentido, lembrou que hoxe remata o prazo para poder acollerse aos tres programas de axudas convocados o pasado mes de xuño polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e dotados cun orzamento global de máis de 43 millóns de euros.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a vicepresidenta fixo fincapé no interese que por segundo ano consecutivo volveron espertar este tipo de incentivos en Galicia e, particularmente, no caso da provincia coruñesa, que foi na que se rexistrou o maior número de solicitudes. Así, destacou que case a metade dos expedientes recibidos no IGVS ata o día de hoxe (1.212) corresponden a inmobles localizados nesta provincia.
En canto ás diferentes liñas de axudas, cómpre indicar que o programa de actuacións a nivel de vivenda, destinada á execución de pequenas obras, como cambio de ventás, suma este ano case 1.100 solicitudes; outras 1.000 corresponden ao programa a nivel de edificio; e 371, á orde de axudas para redactar proxectos e outra documentación necesaria para rehabilitar inmobles residenciais.
Ante o número de solicitudes recibidas, a vicepresidenta asegurou que con toda probabilidade o IGVS esgotará o orzamento dispoñible para as tres ordes de axudas convocadas este ano e por iso, avanzou que a Xunta reclamará na vindeira Conferencia sectorial de vivenda que parte dos fondos que outras comunidades non foron quen de executar por non cumprir cos obxectivos mínimos fixados, poidan ser asignados a Galicia de cara ao ano que vén para que eses cartos “non se teñan que devolver a Europa”.
Por último e con relación ao edificio que visitou hoxe a vicepresidenta na cidade da Coruña, cómpre subliñar que se trata dun inmoble localizado na Avenida do Exército, 12-14 e 16, integrado por un total de 76 vivendas e 4 oficinas e que se beneficiou no marco do programa a nivel de edificio de 2022 dunha axuda de 1,08 millóns de euros, a subvención de maior contía que se concedeu en toda Galicia, tal e como subliñou Ángeles Vázquez.
En concreto, os traballos que se están a desenvolver e cuxa finalización está prevista para o vindeiro ano, consisten na mellora da envolvente térmica da construción, para o cal se actuará na totalidade das fachadas e na azotea comunitaria, na substitución das ventás máis antigas, e na instalación dun novo sistema de impermeabilización e illamento térmico na parte superior.
Grazas a estas actuacións e unha vez se completen os traballos, o edificio verá reducida a súa demanda de calefacción e refrixeración nun 72,5% e os consumos de enerxía primaria non renovable nun 57%, acadando á vez una diminución das emisións de CO2 á atmosfera e un aforro substancial nos recibos de luz e gas dos veciños.