• O alcalde e os portavoces das formacións políticas reuníronse hoxe cos veciños da parroquia, que subscribiron as alegacións do Concello
A fronte común que impulsa o Concello de Abegondo para mostrar o seu rexeitamento ao novo proxecto de subestación que Rede Eléctrica Española quere levar a cabo en Folgoso suma aos veciños da parroquia. Hoxe tivo lugar o encontro convocado polo Concello no centro social, congregando a uns 40 residentes que concordaron coa postura municipal.
A reunión estivo encabezada polo alcalde, José Antonio Santiso, acompañado na mesa polos portavoces do PP, Alberto Seoane, do PSOE, Ana Maio, e do BNG, Blandino García. A nivel técnico participaron o coordinador e enxeñeiro municipal, Carlos Ameixenda, a técnica de Medio Ambiente, Carmen Iglesias, e o técnico da Reserva de Biosfera, Nicolás Ron.
Santiso expuxo a postura municipal #ante a iniciativa de Rede Eléctrica e os pasos que se están realizando. Subliñou a “oposición absoluta” do Concello #ante esta actuación ao carecer de xustificación. “Recorreremos a todos vos medios ata a última instancia para evitar esta infraestrutura en Abegondo”, insistiu
Ameixenda explicou tecnicamente o impacto da instalación, tanto da subestación como da liña eléctrica, e a orientación das alegacións. Púxose ao dispor dos asistentes un documento para quen quixese plasmar o seu apoio ás observacións, e practicamente a totalidade dos veciños decidiron facelo xa in situ. Con esta medida, o Concello busca “facer forza” #ante Rede Eléctrica, indicou o primeiro edil.
O rexedor tamén destacou o consenso alcanzado na corporación entre as tres formacións políticas con representación para estar unidos contra un proxecto que xera afección ao municipio. Neste sentido, no día de onte tivo unha reunión entre os tres grupos e os técnicos e expertos encargados da redacción das alegacións. Nos próximos días celebrarase un pleno para aprobalas e remitilas ao Estado e á Xunta, co apoio dos veciños.
As persoas que hoxe non puidesen acudir á reunión e queiran sumar o seu respaldo ás observacións poderán facelo durante a próxima semana no rexistro da Casa do Concello.
O proxecto
O proxecto de Rede Eléctrica é diferente, e con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado entón para reforzar a alimentación da cidade da Coruña. Foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños, e sen dispoñer do beneplácito de AESA.
Este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. Derivará dita enerxía cara ás Pontes, emprazamento moi afastado de Abegondo.
A pesar do cambio absoluto na xustificación para construír a subestación, a petición mantense para o mesmo punto na parroquia de Folgoso, algo que para Santiso “é unha tomadura de pelo”. “Carece de sentido levantar unha infraestrutura con este impacto nun municipio tan afastado do destino da enerxía”, sostén.