Saturday 16 de November de 2024

O PSOE fixa prioridades para a reunión co presidente da Xunta de Galicia: incremento da capitalidade e unha taxa turística “que realmente reverta en Santiago”


Critican o “excesivo bombo mediático” desta reunión e o posicionamento do portavoz do Partido Popular de Santiago “máis preocupado en facer de voceiro da Xunta que en defender os intereses de Santiago”

Recalcan a necesidade de solucionar o problema de mobilidade no CHUS co aparcadoiro que proxectara o executivo socialista no mandato anterior e o que propuñan desde a Xunta
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2023. A algo máis de 48 horas para que se celebre a reunión entre a alcaldesa de Santiago e o presidente da Xunta de Galicia, o grupo socialista marca como prioridades para ese encontro o aparcadoiro do Hospital Clínico, o problema da vivenda e a implantación da taxa turística. Desde o PSOE, Sindo Guinarte, reclámalle ademais á alcaldesa que acuda cun espírito “colaborativo”: “é fundamental, como capital de Galicia que somos, que Concello e Xunta traballen da man con lealdade institucional e cordialidade, evitando unha confrontación que nada aporta para a cidade”.

Moi críticos desde as filas socialistas co que consideran un “excesivo bombo mediático” desta reunión -que se leva anunciando desde hai máis de un mes-, ironizan entre as “expectativas que a alcaldesa se esforza en crear deste encontro” e o resultado do mesmo. Confían en que “presidente e alcaldesa saiban ter altura de miras e deixar de lado intereses particulares” logo de que nos días previos “se sucederan declaracións pouco construtivas” entre ambas administracións, “tamén cun Partido Popular de Santiago que parece máis preocupado en facer de voceiro da Xunta que en defender os intereses da veciñanza de Santiago”.

Taxa turística que reverta en Santiago e máis aportación á capitalidade

Guinarte amosou o respaldo dos socialistas á solicitude dunha maior aportación á capitalidade: “é evidente que os 2,4 millóns de euros nos que a Xunta ten conxelada esta aportación son insuficientes tendo en conta os gastos en seguridade, servizos ou limpeza que implica ser a capital de Galicia e sede administrativa da Xunta”. Porén, os socialistas entenden que o máis lóxico sería avanzar nun incremento gradual da aportación “é no que traballamos nos últimos anos e, consecuentemente, apoiaremos agora”.

Tamén sobre fondos para facer fronte a sobrecustos, neste caso do turismo que soporta a capital galega, Guinarte insistiu na necesidade de que a taxa turística que se solicite debe ser un imposto cedido: “para que o recadado pola taxa reverta realmente na veciñanza, os fondos teñen que ser xestionados desde o propio Concello, non desde un novo ente da Xunta de Galicia como propuxo o BNG no proxecto de lei que remitiron á Xunta”.

Recorda o edil socialista que no pleno desta semana aprobouse a proposición que o PSOE levou a pleno na que precisamente se esixía isto alegando que “non tería sentido que o recadado fose destinado a outras zonas nas que non se cobra esa taxa, e nas que tampouco viven a mesma presión turística que aquí”.

Mobilidade no CHUS e fortalecemento do Servizo de Axuda no Fogar

“Urxe solucionar o problema de aparcamento do Clínico, co aparcadoiro que nós propuxemos na contorna do hospital, con 400 prazas, pero tamén co que a propia Xunta nos presentou no seu momento” explica tamén Gonzalo Muíños. O portavoz dos socialistas insiste en que se trata “dunha liña na que se tentou avanzar no pasado mandato” propoñendo parcelas para situar ese aparcadoiro “aínda que a Xunta preferiu escudarse nun estudo de mobilidade que dixese o evidente, que o entorno do CHUS está colapsado”.

Muíños insta ademais a que se traballe “a longo prazo”, pensando en futuras ampliación e preparando “unha reserva do solo próximo para que o CHUS poida seguir medrando ao tempo que mellora a súa conectividade”. Tamén en materia de saúde, Muíños afeoulle á Xunta que “o feito de que cada vez máis os concellos asumamos novas competencias” non veña da man “dun incremento na financiación”.

É precisamente no Servizo de Axuda no Fogar onde Muíños pon o foco: “un servizo imprescindible para Santiago que conta cunha poboación envellecido” e que, “a pesar de ser autonómico”, é “grazas ao esforzo do Concello que se pode subvencionar actualmente”.

Outra das cuestións prioritarias que os socialistas poñen enriba da mesa son a vivenda, “a Xunta ten que promover vivenda protexida”. Ademais, desde o PSOE seguen a reclaramar que a administración autonómica defina a través de decreto que é vivenda baleira -como xa fixeron otras comunidades- “para que desde o Concello poidamos intervir e mobilizar ese parque de vivendas que non teñen uso”.

Tamén o desbloqueo do proxecto do parque comarcal de bombeiros é unha das reclamas dos socialistas, un proxecto que, denuncian, “se freou desde a sucesión de Feijóo na Xunta”.