Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica a redacción do proxecto dunha nova senda peonil na estrada AC-552 desde o centro de Arteixo ao núcleo de Lañas


― O contrato, adxudicado por 18.000 euros, definirá as actuacións necesarias para intervir nun treito de case 1,5 km, desde o final das beirarrúas do centro urbano ata o inicio das de Lañas

― Avaliarase a necesidade de iluminar o novo itinerario e o acondicionamento das paradas de autobús para a mellora a seguridade e o fomento da mobilidade sostible

― No deseño teranse en conta 2 das paradas incluídas nas obras de mellora da seguridade nas rutas de acceso polo oeste á cidade da Coruña, xa adxudicadas e que suporán un investimento autonómico duns 1,4 M€

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 18.000 € o contrato para a redacción do proxecto dunha nova senda peonil na estrada AC-552 desde o centro de Arteixo ata o núcleo de Lañas.

O contrato, adxudicado á consultora Serye Ingenieros, S.L. permitirá definir as actuacións necesarias para executar unha senda de preto de 1,5 km, na marxe esquerda desta estrada autonómica.

Trátase de intervir no treito que vai desde o quilómetro 10+950, punto final con continuidade das beirarrúas do centro urbano de Arteixo, ata o quilométrico 12+370, na zona de inicio das beirarrúas do núcleo de Lañas.

No marco deste contrato, o adxudicatario, avaliará a necesidade de iluminar a senda, así como de acondicionar as paradas de autobús existentes para mellorar a seguridade e para fomento da mobilidade sostible.

No deseño da senda tamén se terán en conta dúas paradas de autobús incluídas xa nas obras de mellora da seguridade das paradas de autobús nas rutas de acceso polo oeste á cidade da Coruña, xa adxudicadas e que suporán un investimento autonómico duns 1,4 M€.

Na redacción do proxecto deberanse incluír, tamén, as posibles necesidades de expropiación de terreos para a execución da actuación.

A intervención deberá seguir os criterios de accesibilidade e de integración paisaxística utilizados no Plan de Sendas de Galicia para os itinerarios das estradas autonómicas.

A execución desta nova senda é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER 21/27.