Friday 22 de November de 2024

Touro estrea o seu novo PAI, que xa acolle a vinte nenos e nenas de cero a tres anos


A nova infraestructura educativa, que precisou un investimento de uns 200.000 euros, conta desde esta semana co permiso de inicio de actividade

Un total de vinte nenos e nenas de 0 a tres anos de Touro ocupan xa dende esta mesma semana as aulas e os espazos didácticos do novo Punto de Atención á Infancia (PAI) do Concello de Touro. A directora do novo centro educativo, Eva María Varela, recibiu onte xoves da Consellería de Política Social o permiso de inicio de actividade. Os vinte nenos e nenas xa están instalados e utilizando as novas dependencias, un novo edificio que xa estaba rematado dende a pasada primavera e que é anexo á Casa da Cultura de Touro. Ambos espazos están ubicados nunha zona de servizos de Fonte Díaz, onde tamén están as piscinas, pistas deportivas, área de autocaravanas, Centro de Interpretación do Río Ulla e a residencia de Maiores.
A directora do PAI mostra a súa satisfacción tras recibir onte xoves o ‘luz verde’ da Consellería. Explica que “xa todo estaba listo, incluíndo o visto bo dos inspectores, para que os nenos e nenas poideran xa estrear e utilizar as novas instalacións”. “Pero tivemos que esperar un pouco máis ata que chegara o permiso de inicio de actividade”, explica a responsable do PAI, que lembra que o novo edificio educativo acolle a 20 nenos e nenas, que serán atendidos por dúas educadoras a tempo completo e unha educadora a tempo parcial. Eva María Varela engade que as novas instalacións teñen “máis espazo para traballar cos pequenos”. Ademáis destaca que o acceso “é máis seguro”. O antigo edificio que acollía o PAI, unha casa de pedra de dúas plantas, quedouse pequeno e estaba ubicado mesmo na beira da estrada AC-240, na entrada a Fonte Díaz. Os pais que levaban aos seus pequenos tiñan incluso dificultade para estacionar o coche. “Agora temos suficiente espazo onde aparcar, é moito máis cómodo para os pais e o acceso é totalmente seguro”, indica Eva María Varela, quen destaca que o novo PAI, entre outros espazos, conta con aula de sono e aula de traballo. “E todo nunha planta”, engade.
O novo edificio que acolle o PAI, que será de xestión municipal, está rematado dende a pasada primavera. Durante este tempo dotouse de mobiliario e nesta semana chegou a autorización para inicio de actividade da Consellería de Política Social. Os nenos e nenas xa ocupan as aulas dende esta mesma semana. O investimento total da nova infraestructura social foi de algo máis de 200.000 euros. A Administración autonómica aportou 135.000 euros na construcción da nova escola infantil de Touro. O Concello aportou arredor de 75.000 euros. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, está tamén satisfeito de contar cunhas “instraestruturas modernas e de calidade ao servizo dos veciños e veciñas de Touro”. O novo PAI trátase dunha vella demanda dos habitantes do Concello de Touro.