Unha das funcións irá dirixida a bebes de 0 a 3 anos de idade.
O Concello desenvolverá durante o mes de outubro unha nova edición do Outono de Contos, o programa infantil que se organiza cada ano por estas datas co triplo obxectivo de ofrecer aos nenos unha alternativa divertida para o seu tempo de ocio, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral dos seus pais e, como aspecto central, crear nos máis pequenos un achegamento divertido á literatura infantil e hábitos de lectura.
Outono de Contos constará de catro funcións de diversos contidos a realizar nos tres núcleos urbanos do municipio. En todos os casos a entrada é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa.
O programa ábrese o venres día 6 de outubro ás 18:00 horas no centro sociocultural de Paiosaco co espectáculo interactivo Rilla Rilla, de Xarope Tulú, no que se propón aos asistentes participar nun concurso sobre a lingua para coñecer o significado de algunhas palabras galegas.
O venres 20 ás 18:00 horas ofrécese o contacontos teatral Animais do bosque, de TrinkeTrinke Teatro, na biblioteca municipal da Laracha. O espectáculo vai dirixido a maiores de tres anos e está protagonizado polos ratos de Lonxedetodo.
O centro sociocomunitario de Caión acollerá o venres 27 ás 18:00 horas o contacontos musical Cores, contos e rock coa pequena Ramona. Pakolas e Laura Romero poñen en escena esta proposta multidisciplinar na que os asistentes poderán gozar das historias, da música, dos debuxos que crearán en directo e das cores que os rodean.
Outono de contos concluirá o domingo 29 ás 12:00 horas na biblioteca da Laracha co contacontos para bebés (0 a 3 anos de idade) Babá-bebé, a cargo de A Xanela do Maxín, que mergullará aos nenos nun espazo seguro e propicio para desfrutar do paso das catro estacións.