Friday 22 de November de 2024

O Concello adxudica as obras para mellorar a accesibilidade en Pontepedriña por máis de 145.000 euros


Reunida en sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno acordou esta mañá a adxudicación do contrato para a execución das obras do proxecto “mellora da accesibilidade ao barrio de Pontepedriña” á empresa ÁREA PROYECCIÓN, CONSTRUCCIÓN Y SERVICIOS SLU por un importe de 145.200,00 €. Tamén se deu luz verde a un convenio de colaboración co Centro Comercial Área Central por valor de 35.000 euros para o desenvolvemento dun programa de dinamización comercial e outro coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela, para a creación e promoción da marca de produto “Ourives de Compostela”, por 20.220 euros.

O proxecto “mellora da accesibilidade ao barrio de Pontepedriña”, adxudicada á empresa ÁREA PROYECCIÓN, CONSTRUCCIÓN Y SERVICIOS SLU por un orzamento de 145.200,00 € (base impoñible 120.000,00 € máis IVE do 21% 25.200,00 €), permitirá a construción de dous pasos sobre o río Sar, a pavimentación e axardinamento da zona con criterios de sostibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Enmarcada na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago, este proxecto creará percorridos que conecten o barrio co tecido urbano e xerará ou mellorarán espazos. Así, a actuación pretende mellorar a accesibilidade e a conectividade da zona con outros barrios da cidade con ese novo paso sobre o río que favorecerá a existencia dun percorrido transversal interno, creando novos itinerarios que terán continuidade no Ensanche e outras sendas como a de Sar.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvmento Rexional da Unión Europea.

Comercio

Co obxectivo de fomentar e fortalecer o tecido comercial do municipio, a Xunta de Goberno tamén deu luz verde esta mañá a dous convenios de colaboración con entidades locais do ámbito. Por unha banda, apoiará con 35.000 euros ao Centro Comercial Área Central para o desenvolvemento dun programa actividades que contribúan á dinamización comercial do barrio de Fontiñas e do conxunto da cidade, especialmente de cara ao Nadal.

Por outra banda, o Concello tamén asinará un convenio de colaboración por un importe de 20.220 euros coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela, para a creación e promoción da marca de produto “Ourives de Compostela”, por tratarse a ourivería e pratería de dous gremios ascentrais de Compostela cuxa historia discorre paralela tanto da tradición xacobea como da propia cidade.

Rehabilitación de vivendas

O executivo municipal tamén deu luz verde á concesión de subvencións por un valor total de 50.788,06 euros para a rehabilitación de vivendas na cidade histórica, declarada Área de Rehabilitación Integral (ARI) por motivos de interese arquitectónico, cultural ou social. En concreto, este partida destinarase á rehabilitación de catro vivendas sitas nas rúas do Sar, Campo do Cruceiro do Gaio, Basquiños e Calzada do Carme de Abaixo.