Friday 22 de November de 2024

Os voceiros das agrupacións municipais de Laxe manterán unha reunión cunha empresa técnica para reordenar o tráfico do municipio


• A intención é comezar polo núcleo urbano, que é o máis afectado durante a época estival

• No pleno celebrado este xoves, aprobáronse os tres puntos da orde do día e presentáronse un total de 12 mocións

• Os membros da corporación tamén manterán unha reunión cunha empresa técnica para coñecer cal é o mellor método para proceder no caso de abandono de animais

O Concello de Laxe celebrou no día de onte unha sesión plenaria ordinaria, no que se trataron tres puntos e ata un total de 12 mocións, das que unha foi presentada polo Partido Popular, tres polo BNG, catro polo PSOE e outras catro por Unidas Podemos.

O primeiro punto de aprobación dos borradores das actas das sesións anteriores foi aprobado por unanimidade; e aprobáronse os puntos de levantamento do reparo da relación de facturas e a aprobación do expediente de modificación de crédito para créditos extraordinarios con cargo ao remanente líquido de Tesourería para gastos xerais cos votos favorables de PP e BNG, a abstención de PSOE e a negativa de Unidas Podemos.

No referente ás mocións, a presentada polo PP contra a tramitación dunha Lei de Amnistía foi aprobada despois do voto de calidade do Alcalde, tras presentar os votos a favor do PP e os votos en contra de BNG, PSOE e Unidas Podemos.

O BNG presentou un total de tres mocións. A primeira, para abrir un proceso de consulta á veciñanza para decidir o uso da Escola Unitaria Torrexallóns foi rexeitada despois do valor do voto de calidade por parte do alcalde, tras o empate nas votacións (en contra Partido Popular, a favor BNG, PSOE e Unidas Podemos).

Sobre este punto o alcalde, José Luis Pérez Añón, quixo engadir que “o voto foi en contra porque xa se está a falar cunha asociación de veciños de recente constitución para que usen ese local. Nas vindeiras datas manteremos un encontro con eles para acordar o uso da instalación, polo cal non é necesario someter iso a opinión pública ”.

Obtivo o mesmo resultado a moción presentada para solicitar á Axencia de Turismo de Galicia a incorporación de datos no relato sobre o Xeodestino Costa da Morte na súa páxina web, cos votos en contra de PP e os votos favorables de BNG, PSOE e Unidas Podemos.

O rexedor quixo subliñar que “nós apoiaríamos eta moción sempre que se incluíse unha enmenda para que esa modificación se levase a cabo por técnicos municipais, apoiada por documentación gráfica, que son os que gozan dos coñecementos necesarios para facer eses apuntamentos, non só os que quere realizar a oposición, neste caso o BNG”.

A última moción do BNG para a sinatura dun convenio con XEA (Xestión Ética do Abandono) quedou sobre a mesa tras acordar manter unha reunión coa asociación, co fin de asinar un convenio nos vindeiros meses co obxectivo de obter unha solución á problemática dos animais perdidos.

O PSOE presentou un total de 4 mocións, das cales unha xa se votou a súa retirada antes de elevar a súa discusión. A proposta contra a explotación sexual de mulleres e nenas foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE e UP, coa abstención do PP; e as mocións de defensa do servizo básico e esencial da educación pública e para a convivencia en Cataluña foron rexeitadas despois dos votos favorables de BNG, PSOE e UP, cos votos en contra do PP, exercendo o voto de calidade do Alcalde popular.

Unidas Podemos levou a pleno catro mocións, das que dúas quedaron sobre a mesa, que foron as da inclusión de áreas de rehabilitación integral de distintas zonas do Concello e a da adhesión do Concello de Laxe á APLU.

Todos os grupos votaron favorablemente á proposta para convocar unha praza de bibliotecario e, por último, a creación dunha comisión especial para a elaboración dun Plan Integral de ordenamento do tráfico rodado no Concello foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular, a abstención do BNG e do PSOE e o voto favorable do edil de Unidas Podemos.

Sobre esta cuestión, Añón quixo subliñar que “estamos a traballar para que todos os voceiros das diferentes agrupacións municipais da corporación poidamos manter unha reunión cunha empresa técnica para reordenar o tráfico de todo o municipio, comezando polo núcleo urbano, que é o máis afectado, sobre todo na época estival”.