Saturday 16 de November de 2024

O ciclo Sen Numerar de outono oferta catro espectáculos escénicos galegos no Fórum Metropolitano


As entradas para as funcións, que se celebraran en outubro e novembro, xa están á venda

O Fórum Metropolitano acollerá nos vindeiros meses a oferta de outono do ciclo Sen Numerar, que promove o Concello da Coruña. Sen Numerar é un ciclo de artes escénicas para público xuvenil e adulto, de espectáculos de pequeno e mediano formato próximos ao público.

Este outono presenta unha variada oferta de catro espectáculos de artes escénicas doutras tantas compañías galegas, de xéneros diversos -do drama á comedia-, de contidos actuais, históricos e de memoria democrática, de estéticas diferentes, con novas linguaxes audiovisuais e danza contemporánea. Esta programación complétase cunha oferta educativa da obra ‘Os nenos de varíola’, dirixida ao público escolar de educación secundaria, en horario lectivo.

O Goberno de Inés Rey aposta, con esta programación, polo fomento do teatro galego contemporáneo, buscando a representación de obras de diferentes xéneros para achegalas á cidadanía. As entradas para as diferentes funcións xa se atopan á venda a través da billeteira da praza de Ourense e de Ataquilla. O seu prezo é de 9 euros e todas as funcións son os venres ás 21.00 horas.

Programa

MENTRES DURE A CANCIÓN, de Producións Dispersas
Venres 6 de outubro de 2023, ás 21.00 h
En Producións Dispersas cremos que a risa é a mellor das armas posible para botar abaixo calquera muro. Nós conformámonos con derrubar a cuarta parede. Este é un espectáculo doméstico pero universal. Un musical ambicioso pero próximo.
Diego Freire pensa que debemos cantar e bailar para ser un pouquiño máis felices… Polo menos “mentres dure a canción”.

Os días pasan, uns tras outros, e nada pasa. Nese transcorrer pode darche por pensar na vida. Hai que ter coidado con iso! Pensar pode ser un acto revolucionario… O mundo non está para bromas. Os días van pasando no fogar do noso protagonista… Un actor que ás veces escribe cousas con moitos signos de exclamación e puntos suspensivos…

MISS ESPANHA, de Iria Piñeiro
Venres 13 de outubro de 2023, ás 21.00 h
O novo proxecto teatral de Iria Piñeiro ten como protagonista a Emilia Docet, a muller que foi coñecida por ser a “Miss España galeguista”.
A interpretación da actriz guía esta peza de teatro documental no que a biografía de Emilia se entretece coa doutras mulleres tamén silenciadas despois de 1936. Como un desfile de voces, ecos e silencios, “Miss Espanha” recupera desde a escena a potencia dunha xeración de galegas que viu truncada a súa historia e contribúe á loita para evitar que os seus nomes e os seus pasos desaparezan da nosa memoria.

O DEUS DO POP, de Diego Anido
Venres 17 de novembro de 2023, ás 21.00 h

Diego Anido amósanos unha autobiografía inventada. Regálanos unha vida que ás veces semella a súa, pero que non o avergoña coma a súa. Sen medo a queimar a súa memoria.
Só para que o adoremos. Como a un “deus do pop”.

O deus do pop é unha impresión. Como a que levamos cando coñecemos unha persoa. Quesabemos dela? Que sabemos dela que ela mesma non sabe? Ela ten outra impresión de si mesma. Un relato formado por fragmentos escollidos do seu pasado. Precisa crear o relato.

E non dubida en cambiar o pasado para superar no presente a vergoña do que non lle gusta de si mesma. Non ten consciencia de que en realidade é un diamante. Un diamante afundido nos Pantanos da Tristura. Brillando e laiándose. Pensando que a súa propia preguiza lle impide saír. Pero non é preguiza. É o relato.

OS NENOS DA VARÍOLA, de Pérez&Fernández
Venres 24 de novembro de 2023, ás 21.00 h
220 anos despois da saída da Real Expedición Filantrópica da Vacina dende o porto da Coruña, o 30 de novembro de 1803, traemos de novo ao auditorio do Fórum Metropolitano a adaptación á escena da novela de María Solar “Os nenos da varíola”, dedicada aos 22 nenos que en 1803 foron os heroes da dita expedición.

Unha proposta escénica con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña, os verdadeiros protagonistas da “Real Expedición Filantrópica da Vacina” e como chegaron a ser os heroes da dita expedición e na que a súa heroína máis esquecida se converteu nun dos piares máis importantes desta fazaña sanitaria, a reitora da Casa dos Expósitos, Isabel Zendal.

Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios españois de ultramar, nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.