Saturday 16 de November de 2024

BNG e PSOE apoian en San Sadurniño a moción demandando melloras no transporte comarcal


O pleno da tarde de onte, o segundo de carácter ordinario do mandato, abordou tres puntos principais para deliberación e votación por parte da corporación municipal, centrados na aprobación da conta xeral de 2022, a elección de xuíza de Paz titular e substituta e o destino dos fondos liberados pola Deputación dentro do Plan Adicional 2/2023. Porén, a maiores tamén se tratou unha moción presentada polo BNG pola vía da urxencia na que se demandan melloras no transporte por estrada de viaxeiros e viaxeiras. O acordo adoptouse cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do Partido Popular.

O texto da moción denuncia a “situación caótica” xerada a raíz do novo plan de transporte comarcal, apuntando como principais eivas “a eliminación de horarios, itinerarios e paradas” que deixan as persoas usuarias sen un servizo “fundamental para vertebrar o país” e, aínda por riba, sen unha oferta alternativa “por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia”.

A moción pon de manifesto “os evidentes incumprimentos” por parte da concesionaria (Monbús) e a “complicidade” da Xunta, que non estaría esixindo que se respecten as condicións da adxudicación dun servizo que a empresa ten en rexime de “monopolio” e que, ademais, está cofinanciado polos concellos cunha achega de 350.000 euros anuais. A maiores, o BNG tamén incidiu nos problemas existentes co transporte do alumnado de estudos posobrigatorios que veñen denunciándose ciclicamente.

Así, a proposta de acordo aprobada cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP esixe “unha urxente solución” por medio do “reforzo e adaptación de servizos en horas que demandan os colectivos de persoas usuarias” e, en segundo lugar, tamén se demanda a revisión do contrato coa concesionaria e dos convenios do transporte metropolitano asinados entre os concellos e a Xunta.

O debate da moción produciuse na recta final dun pleno que durou algo menos dunha hora. Pero antes tratáronse tres cuestións relevantes incluídas na orde do día, comezando pola aprobación da conta xeral de 2022. Segundo o equipo de Goberno, os resultados reflicten “unha previsión orzamentaria axeitada e uns niveis de execución elevados atendendo ás previsións de gasto”. Unha afirmación refrendada incluso pola oposición, quen destacou que o orzamento municipal e a conta xeral “se axustan cada vez máis á realidade”, tal e como recoñeceu a portavoz popular, María Belén Trigo.

O PP anunciou a súa abstención por entender que os remanentes de tesouraría -máis dun millón de euros- poderían destinarse a diminuir a lista de agarda no SAF e a melloras en infraestruturas. O executivo local saiu ao paso explicando que calquera modificación orzamentaria nese sentido debe ir precedida da aprobación da conta xeral, ademais de indicar que “por culpa de Montoro” -en alusión ao ministro de Economía do PP que implantou os límites de gasto municipal- os remanentes só poden dedicarse a gasto financieiramente sostible, como serían as obras, pero non á ampliación do cadro de persoal do SAF, que en San Sadurniño é de xestión directa. Sobre a atención domiciliaria, o Goberno local volveu denunciar a “falla de financiamento” por parte da Xunta, que non lles permite aos concellos asumir máis horas das que se están prestando.

Os dous puntos seguintes saíron adiante por unanimidade de todas as concelleiras e concelleiros. Foron a participación municipal na segunda fase do plan de cooperación provincial -o POS+ Adicional 2/2023- que suporá unha achega de 188.000 euros para gasto corrente, e a designación de Patricia Calvo Hermida e Lucía Villares Piñón como xuíza de Paz titular e substituta, respectivamente.

Rogos e preguntas
En canto a rogos, desde o PP solicitouse a roza da maleza das beiras do camiño da Bidueda, principal rúa de Cornide. O alcalde recordou que proximamente comezarán as obras de aglomerado da vía e que a empresa adxudicataria xa ten entre os seus cometidos efectuar a limpeza. Con todo, Secundino García tamén suxeriu que as fincas a un e outro lado da estrada “son solares” en zona urbana cuxo mantemento lle corresponde ás persoas propietarias.

Xa no apartado de preguntas, o PP interesouse pola marcha das obras na antiga escola de Igrexafeita que, segundo respostou o rexedor, están paralizadas neste momento á espera dun ditame do Consello Consultivo de Galicia que permita resolver o contrato coa construtora despois de que esta “dese a espantada”. Desde o grupo popular tamén se preguntou polo avance da remodelación do patio de Infantil do CPI que, segundo o Executivo, “van en prazo” e posiblemente estean rematadas antes do 10 de outubro.

A seguinte cuestión, tamén presentada polo PP, explicou os motivos da demora nos procesos selectivos de dúas prazas de persoal municipal, que, segundo se expuxo no pleno, obedecen “aos tempos que marca o tribunal” e que, en todo caso “están dentro de prazo”.