· A corporación municipal emitiu onte unha declaración institucional para declarar o ano 2024 como ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’.
· No 2025 e 2026 poñerase en valor a Florencio Vaamonde Lores, Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugin.
· O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor a estes autores e autoras, difundindo a súa obra e legado mediante actos e actividades.
O Concello de Bergondo emitiu onte, xoves 28 de setembro, en pleno unha declaración institucional, asinada por todos os grupos da corporación, para homenaxear nos próximos anos a Xoán Vicente Viqueira, Florencio Vaamonde Lores, Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugin, autores e autoras relacionados con Bergondo.
Así, declárase o 2024 como ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’, cando se cumpren 100 anos do seu falecemento, concretamente o 29 de agosto. O autor, residente na Quinta Cortón, na parroquia de Vixoi, foi un recoñecido e destaco personaxe da súa época, que centrou as súas investigacións no pensamento filosófico e no progreso da educación. A súa ampla obra versa sobre a filosofía, psicoloxía ou pedagoxía, pero sobre todo sobre o sistema educativo, defendendo o seu galeguización, a súa reforma e a plena incorporación da muller.
Ademais, declárase o ano 2025 como ‘Ano de Florencio Vaamonde Lores’ e o ano 2026 como ‘Ano de Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugin”. O obxectivo do Concello é poñer en valor a estes autores e autoras, difundindo a súa obra e legado mediante actos e actividades aínda por definir, implicando á comunidade educativa de Bergondo, asociacións culturais locais, comarcais ou de calquera outra índole que poidan estar interesadas en participar.