O Concello de Oleiros organiza unha nova edición do Obradoiro “Educa bonito” dirixido a familias con fillos e fillas entre 0 e 10 anos de idade empadroadas no Concello de Oleiros. O obradoiro é gratuíto e será impartido por María Soto, docente con ampla experiencia en disciplina positiva, que desenvolveu unha metodoloxía propia que fomenta esta forma de crianza; autora de dous libros sobre esta temática “Educa Bonito” e “Confianza cien, expectativa cero”, participou en numerosos encontros sobre educación e crianza e imparte formacións por toda España.
O reforzo do apego entre as familias e os seus fillos e fillas é fundamental para que poidan medrar con autonomía e seguridade, xerando un vínculo baseado na confianza mutua e que contribúa ao mellor desenvolvemento emocional posible, garantindo un crecemento axeitado, unhas relacións de respecto e unha comunicación respectuosa.
Este obradoiro vaise desenvolver en Casa Etcheverry, en Perillo, nunha sesión intensiva o sábado 7 de outubro e en 4 sesións posteriores de 2 horas, de 18:00 a 20:00 h, os días 16, 18, 23 e 25 de outubro. As persoas interesadas poden apuntarse do 2 ao 4 de outubro na web municipal, na sección participa, a través dun formulario. As prazas outorgaranse por orde de inscrición.
O impacto positivo que tiveron estes obradoiros entre as mais de 200 familias de Oleiros que participaron en edicións anteriores reforzan a necesidade e a continuidade destes obradoiros.