Friday 22 de November de 2024

Concerto de presentación do novo disco de Bellón&Maceiras na Sociedade Agarimo de Sillobre


A entrada será de balde ata completar o aforo

O gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras presentan este sábado o seu terceiro disco, “Ten10”, un traballo co que conmemoran o seu décimo aniversario do dúo. Precisamente, dez anos despois da súa primeira actuación en Fene, o dúo Bellón&Maceiras actuará mañá sábado, 5 de decembro, na SCRD Agarimo de Sillobre a partir das 20 horas. A entrada ao concerto, que organiza a Concellería de Cultura e Ensino, será de balde ata completar o aforo.

Segundo Diego Maceiras, “Ten10 é un traballo que afonda na liña da fusión da música galega con outras músicas do mundo, incluíndo temas tradicionais a carón de pezas ambientadas en distintos países e algunha que outra composición propia”. Para este novo proxecto, o dúo rodeouse dun grupo de colaboradores excepcionais coma os músicos Juan Cabe, María Moiséeva, María López (da Escola Bellón&Maceiras), Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson, cos que foron coincidindo en diversos proxectos ou concertos ao longo destes anos.

TRAXECTORIA

O dúo BellónMaceiras naceu no 2005, da unión musical do gaiteiro Daniel Bellón e do acordeonista Diego Maceiras. O seu profundo coñecemento da música tradicional galega, xunto coas súas inquedanzas artísticas e o seu gusto polas músicas doutros países, levaron a este dúo a fusionar, desde o principio, sen medo, ritmos e melodías de distintos lugares, facendo música do mundo desde Galicia.

O seu primeiro traballo discográfico, Unión das Terras, foi o premio que gañaron no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en marzo do 2006. Con este primeiro disco, o dúo xa tocou en Nova Iorque, Xenebra, Varsovia, París, Madrid, Barcelona, Bruxelas, Lorient, Cuxhaven, etc.

No 2007, cando convidaron a tres músicos a formar parte de BellónMaceiras Quinteto (contrabaixo, batería e guitarra), estaban todos dacordo sobre a fusión que ían crear. Esta é, sen dúbida, a característica que mellor define á banda: a fusión de estilos, sen complexos, e o virtuosismo dos seus componentes.

Folkfusión, o disco presentado en 2010 polo quinteto, é definido coma unha nova maneira de entender as músicas do mundo desde Galicia.O disco Live au Cornouaille, grabación do concerto do 60 aniversario do Bagad Kemper (actual campión do mundo das bandas de gaitas bretonas), para a que foron músicos convidados Daniel Bellón e Diego Maceiras, entre outros, da talla de Dan Ar Braz, foi publicado no verán do 2010. Ese mesmo ano, Bellón e Maceiras inauguraron en Fene, a súa escola de música BellónMaceiras.

2011 empezou con concertos do dúo en Moscú (festival de Nadal na Catedral Católica) e en Cosquín (Festival Nacional de Folklore de Cosquín-Arxentina). Ademais, no mes de agosto estiveron representando Galicia, en formación de Quinteto, no Festival Celta de Montelago, perante 20.000 persoas.

Dende aquela ata hoxe, a actividade de Bellón&Maceiras foi incesante, salientando a súa participación en numerosos concertos e certames a nivel internacional: Moscú (Centro Cultural Pokrova e Catedral Católica, 2012), en Escocia (New Atheneum Theatre, Street Café e St Enoch Square, 2013) na Bretaña (Festival de Lorient, 2014), en Alemania (Núremberg, 2015), Albania (Centro Cultural Sigal Durres, 2015), Irlanda (William Kennedy Piping Festival, 2015), etc.

Máis información en www.bellonmaceiras.com ou nos perfís do dúo Bellón&Maceiras en Facebook/Twitter ou na canle de Youtube.