Inés Rey: “Dixemos que estaría aberta neste curso e antes de que remate o mes de setembro abrimos as súas portas, cumprindo o noso compromiso”
O Concello da Coruña abriu esta mañá a cafetería da Cidade Deportiva ‘Arsenio Iglesias’, unha demanda recurrente das persoas usuarias dos campos deportivos. A alcaldesa, Inés Rey, presentou o novo espazo xa en funcionamento e reivindicou o desbloqueo do proxecto logo de anos sen avances. “Hoxe abrimos as portas da cafetería desta Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, un servizo moi necesario e demandado e que levaba paralizado desde o ano 2015” explicou Rey.
Pola situación da Cidade Deportiva ‘Arsenio Iglesias’, na contorna da Torre de Hércules, precisábase un informe favorable para a instalación da cafetería pola condición monumentalde Patrimonio da Humanidade. No mes de maio, o Consello Territorial do Patrimonio Cultural de Galicia autorizou a instalación da estrutura. “Trátase dunha estruturadesmontable que non afecta os bens protexidos da contorna, cumprindo polo tanto coa normativa da contorna da Torre de Hércules” sinalou a alcaldesa.
Dispón duns 100 m2 de espazo e foi deseñada polo arquitecto Juan Pablo Otero, deEncuadra Gestión y Proyectos Técnicos, e construida por Casas Cube, ambas empresas galegas. Conta con terraza e servizo de mesas no exterior e estará aberta de luns a venres, de 16.00 h a 22.00 horas e de 08.30 a 20.30 horas durante a fin de semana.
A cafetería dará servizo ás máis de 300.000 persoas que utilizan de forma anual as instalacións municipais da Torre. “Dixemos que estaría aberta neste curso e antes de queremate o mes de setembro abrimos as súas portas, cumprindo o noso compromiso cos clubs, entidades e familiares que ano tras ano demandaban este servizo” concluíu a alcaldesa.