Friday 22 de November de 2024

Primeiro encontro entre o Goberno municipal e o BNG para definir os orzamentos 2024


O voceiro do executivo local, José Manuel Lage, mantivo esta mañá unha reunión co voceiro nacionalista, Francisco Jorquera e coa concelleira Avia Veira

O Goberno municipal e o BNG mantiveron esta mañá un primeiro encontro formal na procura dun acordo que lle permita ao Concello aprobar uns novos orzamentos no 2024. As dúas partes calificaron a reunión como “cordial” e construtiva.

Na reunión participaron o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, o portavoz doBNG, Francisco Jorquera e a concelleira do BNG Avia Veira, ademais de técnicos municipais da área económica.

Na cita marcouse un calendario de encontros específicos sobre os novos orzamentos de carácter semanal durante o mes de outubro. Lage destacou a boa disposición das partes na reunión e a vontade amosada polas partes de chegar a puntos de encontro dentro do marco do acordo de investidura asinado entre ambas as partes.

O voceiro do Goberno indicou tamén que as negociacións sobre os orzamentos fanse extensivas ás ordenanzas pola súa relevancia como parte das políticas orzamentarias. As datas establecidas para as negociacións co BNG posibilitan que os orzamentos poidan aprobarse en xaneiro do 2024.

Lage indicou os eixes sobre os que pivotará o novo orzamento: a política social, con políticas de inclusión; a dinamización económica, os investimentos e a aposta pola innovación, a cidade camiñable, accesible e interconectada; a promoción e fomento da cidade e a mellora nos servizos públicos.