A Escola Galega de Administración Pública organizou hoxe unha xornada formativa sobre a Lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia na delegación da Xunta en Vigo
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e a secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, inauguraron hoxe a xornada A Lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia e a convención internacional sobre persoas con discapacidade 2006: aplicación e control polas administracións públicas, que se celebrou en Vigo e na que participaron preto de 100 persoas. Ao acto inaugural tamén asistiu o profesor de Dereito administrativo da Universidade de Vigo e director da xornada, Jacinto Lareo Jiménez.
Na súa intervención, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, recordou que actualmente hai más de 214.000 persoas en Galicia con algún tipo de discapacidade, o que evidencia a necesidade de que as administracións adopten medidas que garantan a igualdade de trato, a equiparación de oportunidades e a aceptación das diferenzas.
A Lei 10/2014 de accesibilidade de Galicia supuxo un importante avance para a sociedade ao incorporar ámbitos que non estaban regulados no anterior texto de 1997, como os referidos á sociedade da información, ás telecomunicacións e o acceso aos bens e servizos das administracións públicas. “A nova lei recolle a pretensión fundamental de eliminar as barreiras non só físicas, senón tamén outras menos visibles como son as do ámbito da comunicación, ofrecendo un enfoque máis global e un alcance superior ao da anterior normativa”, destacou Sonia Rodríguez-Campos.
Ademais, a directora da EGAP salientou que con este novo texto “Galicia aspira a unha sociedade máis inclusiva que garanta a accesibilidade das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades”. Apuntou que con esta lei “dispoñemos dun marco normativo propio, simplificado e eficiente, e estamos un pouco máis preto de facer realidade os conceptos de accesibilidade e de deseño para todos respecto dos contornos, procesos, proxectos, produtos e servizos; de xeito que estes se fagan comprensibles, utilizables e practicables para todas as persoas, en igualdade de condicións de seguridade e comodidade e de xeito máis autónomo e natural posible”.
Pola súa banda, a secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, afirmou que aínda queda moito camiño por facer no ámbito da accesibilidade. “A discapacidade non é unha cuestión estática, ten que integrar as estratexias de desenvolvemento sustentable e evolucionar coa mesma realidade da sociedade”. Neste sentido, sinalou que “as administracións debemos tomar conciencia diso e ser líderes na superación das barreiras. A verdadeira superación da discapacidade producirase cando a singularidade da súa diversidade integre a vida cotiá”.
Relatores da xornada
A arquitecta técnica da área de accesibilidade universal e innovación da Fundación ONCE, Carmen Fernández Hernández, foi a encargada de ofrecer o primeiro relatorio titulado Accesibilidade universal e deseño para todos.
De seguido participou o director territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, que falou sobre A discapacidade visual e o acceso aos servizos públicos. A súa intervención centrouse nun percorrido imaxinario feito por unha persoa con discapacidade visual grave no día a día e o seu acceso aos distintos servizos públicos. No relatorio expuxo as dificultades coas que pode atoparse e propuxo as solucións de accesibilidade universal e deseño que deberían implementarse co obxectivo de favorecer a plena inclusión e participación dos discapacitados en tódolos ámbitos da vida. A exposición completouse cunha demostración sobre o manexo das novas tecnoloxías da comunicación e a información das persoas cegas.
A xornada de mañá rematou coa participación do profesor de Dereito administrativo da Universidade de Vigo, Ángel Aday Jiménez, que falou sobre A constitución e o dereito de accesibilidade.
A actividade formativa completouse pola tarde coas intervencións do avogado José María Criado del Rey co relatorio As persoas con discapacidade e accesibilidade á xustiza, e o profesor de Dereito administrativo da Universidade de Vigo, Jacinto Lareo Jiménez, falou sobre os dereitos das persoas con discapacidade nos procesos electorais.