Asegura que a Constitución acadou co paso do tempo a categoría de “noso”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a nosa comunidade atopou na Constitución de 1978 un camiño seguro cara á súa convivencia e liberdade. Así o manifestou no acto conmemorativo do XXXVII Aniversario da Constitución Española.
A ese respecto, recordou que os galegos sabemos que tanto o autogoberno da nosa nacionalidade histórica como a autonomía dos nosos municipios, son fillos da Constitución e están garantidos por ela.
Nese sentido, o titular da Xunta destacou que a Constitución acadou co paso do tempo a categoría de noso, “aínda que a diferenza dos monumentos clásicos estea feita dun material máis resistente que o mármore ou as pedras: as palabras”, dixo.
Por todo iso, Feijóo subliñou que a Constitución que conmemoramos non é consecuencia da derrota duns españois á mans doutros, senón da vitoria de todos e lembrou que o texto constitucional ampara a todos e non é de ninguén, “non está limitada por un marco temporal que a faga hoxe anacrónica” engadiu.
O presidente da Xunta sinalou tamén que a nosa primeira obriga é mirar atrás con admiración, con respecto e coa actitude de quen desexa aprender para evitar erros na súa andaina. Aínda que, tal e como aclarou, a reforma non é un tabú, sempre e cando teña obxectivos claros e naza dun sentimento maioritario da sociedade española e non por imposición ou mero capricho.
Por último, o mandatario galego incidiu en que este non é un acto de conmemoración nostálxico, xa que a Constitución segue a ser percibida como un faro que alumea o mellor futuro para os que veñan despois que nós.