Saturday 16 de November de 2024

A praia de Soesto acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Surf


• Disputarase o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro

• A competición, que estaba prevista para o mes de agosto, fora adiada por motivos meteorolóxicos

• Disputaranse as categorías de Clubs, Kids e Xuvenil

O Concello de Laxe converterase ao longo desta fin de semana na capital do surf galego, coa disputa do Campionato Galego de Surf este sábado, 30 de setembro, e este domingo, 1 de outubro.

A praia de Soesto será a sede desta competición, organizada pola Federación Galega de Surf e a administración local, na que colaboran a Xunta de Galicia, Deporte Galego, Gadis e Cándido Hermida.

A proba, que tiña prevista a súa celebración do 11 ao 13 de agosto no mesmo areal, tivo que adiarse como consecuencia das malas condicións meteorolóxicas.

Durante o sábado e o domingo disputaranse as competicións nas categorías Clubs, Kids e Xuvenil. Kids inclúe sub – 12 mixto, sub – 12 masculino e feminino e sub – 14 masculino e feminino. Pola súa banda Xuvenil inclúe as categorías sub – 16 masculino e feminino, sub – 18 masculino e feminino e sub – 21 masculino e feminino.

Ao longo desta tarde de xoves, 28 de setembro, publicaranse os horarios provisionais de cada unha das probas na páxina web da Federación Galega de Surf e nas súas redes sociais.