Thursday 21 de November de 2024

A Falperra celebra esta fin de semana as súas festas populares tras o aprazamento polo mal tempo


Manquiña & Los Fabulosos Weekend ou Amizades forman parte dunha programación que encherá de música o barrio o sábado 30 e domingo 1

O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, programou para esta fin de semana a celebración da maior parte dos actos das festas populares da Falperra, logo do seu aprazamento polo mal tempo os días 16 e 17 de setembro.

Estas celebracións enmárcanse dentro das Festas nos Barrios que promove o Goberno de Inés Rey durante todo o ano, dotándoas dunha variada e ampla programación para fortalecer os vínculos veciñais. A Falperra si gozou das sesións de cine e teatro na rúa, programadas durante a semana previa ás actuacións musicais e a totalidade das actuacións musicais puideron reprogramar os seus espectáculos para esta fin de semana.

O sábado, 30 de setembro, as festas comezarán ás 13.30 horas coa actuación de The Nunzia’s Rock Cover Band. Xa pola tarde, ás 17.30 horas actuará o Grupo Danzas de arte e cultura peruana. Ás 18.30 horas será a quenda de Amizades, mentres que ás 20.30 horas celebrarase unha festa Holi, un evento con pinturas de cores para todas as idades. Pecharáo día a actuación de Pablo Balseiro & The Verbenian Orquestra a partir das 22.00 horas.

O domingo a programación comezará ás 13.00 horas coa actuación de Cantabaila. A sesión vermú será ás 14.00 horas co grupo Virtual Project. Xa pola tarde, desde as 17.30 horas, actuarán Danza 10 e Semiconfusas. Pechará as festas da Falperra a actuación de Manquiña & Los Fabulosos Weekend.