Friday 22 de November de 2024

Milleiros de romeiros e devotos de toda Galicia compren coas tradicións do Día de Santa Minia


As cinco polbeiras estiveron cheas durante toda a mañá e as visitas ao sepulcro da Santa desenvolvéronse sen apenas agardas

O alcalde de Brion estivo acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, o delegado territorial da Xunta e o presidente da Deputación

Os orballos anunciados para hoxe en Brión, Día de Santa Minia, quedaron en nada, pois non caeu unha pinga de auga nunha mañá que alternou momentos de sol e sombra, o que fixo que as temperaturas foran máis que agradables para desfrutar da romaría. Milleiros de persoas, non so de Brión senón de comarcas próximas como Santiago, Barbanza, Xallas e Ordes, ateigaron a contorna da capela de Santa Minia dende primeiras horas da mañá.

De feito, xa durante a noite de onte martes, Día de Vésperas, a carballeira estivo totalmente chea durante a tirada de fogos de artificio e o espectáculo de luz e son na capela de Santa Minia, así como durante o concerto da orquestra París de Noia. As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá e desenvolvéronse con colas, pero sen esperas máis aló dos dez minutos nos momentos baixos e de 20 minutos coincidindo coa celebración da misa solemne. Deste xeito, milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano.

Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa, tras mercalos nos postos que rodean a capela.

Romaría con novidades

Para evitar sobrecargar a carballeira con actividades, o Concello de Brión mantivo os cambios de emprazamento que tan bo resultado deron en edicións anteriores. Así, as atraccións infantís trasladáronse ata a finca fronte ao centro social polivalente, de onde partían os máis dun cento de postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados…, así como varios food-tracks. Así mesmo, as orquestras trasladáronse a una parcela próxima ás polbeiras, para facilitar a instalación dos palcos e evitar danos na carballeira.

Cinco polbeiras que estiveron cheas desde a súa instalación, na noite do venres ao sábado. Non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco, a uns prezos medios de 13 euros a razón. Hoxe, Día de Santa Minia, a espera media para entrar nelas roldaba entre os 10 e o 20 minutos.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu o “extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, tanto de Brión como chegados doutras localidades, así como do persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”. Lago Sanmartín guiou pola Romaría á comitiva oficial composta por Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia; Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames; José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña; Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro; Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira; Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e Diego Luís Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra. Tamén asistiron os concelleiros socialistas de Brión Carlos Noya Pereira, José Antonio Vidal González e Rosa Romero Fariña, así como a concelleira popular María Fariña Bellón.

Pola tarde, ás 17:00 horas actuará a agrupación musical tradicional Tíralle do Aire. As orquestras Finisterre (21:00 horas) e Olympus (23:00 horas) porán o broche de ouro ás festas de Santa Minia 2023.