Friday 22 de November de 2024

Galicia pide en Bruxelas involucrar máis ás rexións e cidades no debate sobre migración e a crise de refuxiados


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu á 115º sesión plenaria do Comité das Rexións europeo onde interveu nun debate sobre migración ante o comisario responsable desta carteira

O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa dende onte no 115º pleno do Comité das Rexións (CdR), o último do ano, na capital comunitaria. O maior debate destas dúas xornadas centrouno o papel dos entes rexionais e locais en materia de migración e integración dos refuxiados. Este debate contou coas intervencións do comisario de Migración, Asuntos de Interior e Cidadanía, Dimitris Avramopoulos e da eurodeputada italiana Cécile Kyenge, relatora dun informe do Parlamento Europeo sobre a situación no Mediterráneo e a necesidade dun novo enfoque fronte a migración. A discusión centrouse na solidariedade, na distribución dos refuxiados entre países e rexións e no papel que deben desempeñar as rexións e cidades neste ámbito.

Axenda europea de migración
Tras un longo debate, os representantes rexionais e locais aprobaron un controvertido ditame sobre a Axenda Europea de Migración, que recibiu máis de 100 emendas. No debate interveu un representante de cada grupo político do CdR, entre eles Gamallo, quen chamou a atención sobre a necesidade de que o CdR sexa un socio de pleno dereito no debate europeo sobre migración, xa que son as autoridades rexionais e locais as que mellor poden facer fronte á tarefa de integración dos migrantes. Do mesmo xeito, recordou que máis de 50 millóns de persoas están escapando da guerra e a persecución, polo que as políticas migratorias son agora mesmo o gran reto da UE e só una acción conxunta dirixida aos países de orixe e tránsito pode ser eficaz ante esta situación.

Do mesmo xeito, o director xeral chamou a atención sobre a necesidade de apelar á solidariedade e aos nosos valores comúns e non mesturar o debate sobre a loita contra o terrorismo co debate migratorio, así como de distinguir entre os demandantes de asilo e os migrantes económicos. En declaracións aos medios presentes, Gamallo salientou a importancia de protexer o espazo Schengen, un dos maiores fitos da construción europea.

O ditame do CdR recomenda que o enfoque da UE sexa solidario e respecte os dereitos humanos. Nesa liña, destaca a importancia de combater o tráfico e a trata de seres humanos así como de fomentar a estabilidade e o desenvolvemento en terceiros países. O texto salienta tamén a necesidade de establecer políticas de retorno eficaces e de evitar a estigmatización dos migrantes, ademais de incluír un plan de salvamento que permita afrontar as catástrofes humanitarias que provoca o tráfico ilícito de persoas.

O CdR propón unha maior participación dos entes rexionais e locais no debate sobre migración xa que son os que primeiro fan fronte á chegada e acollida de migrantes, polo que tamén deben ter acceso aos recursos da UE para cumprir coas súas obrigas. Nese sentido, solicitan no texto que se reforcen as capacidades dos municipios e rexións, a mellora da cooperación cos países de orixe dos migrantes e o establecemento de rutas seguras e legais cara Europa.

Na xornada do xoves interveu o vicepresidente primeiro da Comisión Europea, Frans Timmermans, para debater cos membros do CdR unha resolución sobre o programa de traballo da Comisión Europea para 2016. Este programa baséase en dez prioridades entre as que destacan o impulso ao emprego, o crecemento e o investimento e un mellor desenvolvemento do mercado interior e da Unión Económica e Monetaria.

Neste pleno aprobáronse outros oito ditames en moi diversas materias como a economía social e colaborativa, o mercado único dixital da UE ou sobre as directivas relativas á conservación das aves silvestres e os hábitats naturais, entre outros.

Mesa do CdR
Galicia ostenta dende outubro unha das vicepresidencias do CdR, polo que é membro do órgano executivo desta asemblea. Na reunión da mesa do CdR celebrada o mércores analizouse a labor política deste órgano e a súa resolución sobre o programa de traballo da Comisión Europea para 2016. Do mesmo xeito, fíxose balance das principais actividades do CdR en 2015, como a Semana Europea das Rexións e Cidades – Open Days 2015 e debatéronse as perspectivas de traballo de cara ao próximo ano.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este é o último dos seis plenos que o CdR celebrou en 2015 para debater as prioridades políticas e emitir ditames sobre as políticas comunitarias.