O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as necesidades das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, clausurou, esta maña, o obradoiro de emprego de Arteixo, compartido con A Laracha, que este ano formou 20 persoas en limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e en actividades auxiliares em conservación e mellora de montes.
Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.
Neste senso, lembrou que os participantes combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 12 meses, cun contrato en prácticas nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.
Na clausura o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego de garantia xuvenil dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2023-2024 que permitirá a realización dun total de 6 talleres na província da Coruña, dos cales dous serán na cidade da Coruña e Betanzos, onde participarán alumnos e alumnas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nestes talleres na província da Coruña de 2,5 millóns de euros e na comarca da Coruña mais de 840.000 euros.
O delegado da Xunta informou que en breve notificaranse os talleres de emprego duais nos que a Xunta fará un gran esforzo para atender a demanda de todos os concellos.
O representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.
Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.
Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.