Saturday 16 de November de 2024

Touriñán ofrecerá unha segunda función do monólogo ‘Aquí Tou!’ tras case esgotar en dous días os pases para a primeira función


Hoxe saen á venda as novas entradas, que poderán mercarse en liña na web ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense

O prezo das entradas vai de 12 a 18 euros con descontos do 25% para familias numerosas e do 20% con carné xove, persoas desempregadas e maiores de 65

O Concello da Coruña pon hoxe á venda as entradaspara a segunda función de ‘Aquí tou!’, o novo monólogo de Xosé A. Touriñán. Logo da demanda de entradas para o espectáculo, case esgotadas nos dous días que levan á venda, Xosé A. Touriñán suma unha nova función máis para o 14 de outubro, no Teatro Colón ás 22.30 horas.

O espectáculo ‘Aquí Tou!’ enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey para a dinamización do Teatro Colón como espazo cultural coa programación de compañias e artistas locais ou da comunidade galega. O humorista fai un percorrido pola súa vida dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio, repasando os momentos chave do seu camiño vital. Touriñá mestura realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega coas que busca que o público galego se sinta identificado.

O prezo das entradas para o monólogo ‘Aquí Tou!’ vai dende os 12 euros aos 18 euros con descontos do 25% para familias numerosas e do 20% para carné xove, persoas desempregadas e maiores de 65. Pódense comprar en liña na web ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 a 19.30 h.