A partir do mes de novembro están previstas novas accións formativas nas especialidades de soldadura, electricidade, carpintería e cociña
A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, clausuraron este martes o obradoiro de emprego Fórum Dual coa entrega de diplomas ás persoas participantes. No acto participaron tamén a responsable da BDT, Mila Antelo, e o concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda urbana, Iván Andrade.
Esta acción formativa, que se veu desenvolvendo ao longo do último ano e que rematará formalmente a semana que vén, permitiu preparar a unha vintena de veciños e veciñas para intentar acadar a inserción laboral nas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, dous sectores nos que, como se puxo de manifesto este martes, existe unha elevada demanda de traballadores/as. “Isto non remata aquí. Hai traballo, e o centro de formación municipal e a BDT están aquí para o que precisedes”, indicou Mila Antelo.
Tanto a directora xeral como os representantes municipais destacaron o traballo desenvolvido por profesorado e alumnado, e destacaron a colaboración das entidades sociais para que o alumnado puidese facer as prácticas. Representantes de Afaber, Aspaber, Íntegro e APEM estiveron presentes no acto, que rematou cunha nova demostración culinaria do alumnado de cociña.
O obradoiro de emprego Fórum dual foi xestionado polo Concello de Carballo e contou co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Dentro da política de colaboración entre ámbalas dúas administracións, a partir do mes de novembro está prevista a posta en marcha de novas accións formativas para persoas desempregadas. Neste curso desenvolveranse un total de cinco nas especialidades de cociña, electricidade, soldadura (2) e carpintería.
Ademais, o Concello de Carballo ten solicitado un novo obradoiro dual de emprego para seguir formando profesionais na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Con esta nova acción formativa, denominada Carballo Coida II, pendente aínda da resolución da Xunta de Galicia, sería posible formar a 20 alumnos/as durante 12 meses.