Os festexos serán este sábado 30 e domingo 1 na rúa da Torre e no Campo de Marte
O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, prosegue coa súa programación das Festas nos Barrios. Durante todo o ano, e da man das asociacións, o Goberno de Inés Rey ofreceu na cidade múltiples opcións culturais e de ocio repartidas por toda a cidade.
Esta fin de semana será a quenda de Monte Alto coas súas festas, que terán a Baiuca como cabeza de cartel. O proxecto liderado por Alejandro Guillán é todo un referente da música electrónica no país grazas á súa experimentación coa música tradicional galega e as súas diferentes colaboracións con artistas como Rodrigo Cuevas, Xosé Lois Romero e Aliboria ou Carlangas. O seu concerto e o resto de actuacións musicais serán no escenario que se instalará na rúa da Torre, o sábado ás 23.00 horas. Antes, ás 21.00 horas, tamén actuará AMILicia Bravú, a Banda de Fran Amil. Ás 22.45 horas, entre actuación e actuación, terá lugar o pregón a cargo da revista Luzes.
Durante a xornada do sábado, pola mañá, haberá pasarrúas musical con Os Bregadiers e sesión vermú con The Tetas Van desde as 14.00 horas. Pola tarde haberá actividades para toda a familia con xogos populares de 16.00 a 19.00 horas e o espectáculo de circo de Sue Moreno ás 19.00 horas, no Campo de Marte.
O domingo haberá alborada con Latexo e ás 12.00 horas actuación do Circo Chosco co seu espectáculo ‘FORZU2’. As festas rematarán ás 14.00 horas coa actuación do conxunto de música tradicional Tiruleque. Como consecuencia da celebración das festas na rúa da Torre, pecharase a estación de BiciCoruña desta rúa desde o sábado ás 13.00 ao domingo ás 16.00 horas.