Afirma que un dos parques está situado entre os concellos de Friol, Begonte e Outeiro de Rei, outro no municipio de Agolada e outro nos concellos de A Cañiza e Covelo
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a autorización de tres novos parques eólicos do concurso en marcha, que supoñerán un investimento de máis de 115 millóns de euros. Como destacou, a Xunta segue así a impulsar a reactivación do sector eólico en Galicia, posto que considera que é unha das súas grandes potencialidades para afrontar o actual escenario enerxético.
Segundo concretou o máximo responsable autonómico, un dos parques está situado entre os concellos de Friol, Begonte e Outeiro de Rei, outro no municipio de Agolada e outro nos concellos de A Cañiza e Covelo.
No que atinxe ao parque de Friol, Begonte e Outeiro de Rei, Feijóo destacou que este contempla un investimento de máis de 20 millóns de euros e estará composto por sete aeroxeradores que, cunha potencia total de 21 megavatios, producirán o equivalente ao consumo anual de máis de 15.600 fogares galegos.
Pola súa banda, o parque de Agolada supón un investimento superior a 52 millóns de euros e sumará 10 aeroxeradores cunha potencia de 42 megavatios. Neste caso, estímase que a produción de enerxía anual aproximarase ao equivalente ao consumo por exercicio de máis de 28.000 familias.
No caso do parque de A Cañiza e Covelo, o presidente da Xunta precisou que contempla un investimento de máis de 43 millóns de euros e que estará composto por 16 aeroxeradores que, cunha potencia total de 48 megavatios, producirán o equivalente ao consumo anual de máis de 31.700 fogares galegos.
Nos tres casos, supoñerá unha importante fonte de financiamento para estes concellos, que poderá beneficiarse da recadación obtida do canon eólico. Segundo apuntou, en toda Galicia, xa se levan recadados máis de 114 millóns de euros destinados aos municipios a través deste gravame.
Para Feijóo, a aprobación destas instalacións supón un avance na aposta polo desenvolvemento desta enerxía así como polo impulso do concurso eólico.
Neste sentido, con estes tres parques téñense autorizado xa 15 parques do concurso, acadando un total de 374 megavatios e cun investimento conxunto de máis de 474 millóns de euros só no que se refire á obra civil.
Como sinalou Feijóo, deste xeito, a Xunta segue a dar os pasos necesarios para recuperar o liderado do sector e a súa capacidade para crear riqueza e emprego. De feito, lembrou que segundo os últimos datos da Comisión de Seguimento, o total dos plans industriais asociados ao concurso eólico galego están a xerar preto de 970 millóns de euros de investimento na Comunidade, unha cifra que supón case o 68% do previsto ata 2020; e teñen permitido crear máis de 2.000 empregos directos, o 83% do comprometido neste período. Ademais, sinalou que os resultados da Comisión reflicten que todos os proxectos seguen adiante, con 1.939 megavatios que continúan en tramitación.