Tras varias reunións con traballadores do servizo de socorrismo; o alcalde Luís Pérez comprometeuse a reforzar o servizo cun medio acuático a motor para que os traballadores poidan realizar rescates de xeito seguro e eficiente. Asimesmo ampliarase o servizo do verán dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro; e tamén durante a Semana Santa.
Os socorristas Fernando Sanmartín e David Torres destacaron o número de rescates acuáticos que realizan ao longo de todo o verán (25 neste 2023); e recalcaron a necesidade de contar cun medio acuático a motor para poder intervir en zoas de difícil acceso e nas que a extracción e asistencia á persoa é complicada.
“En liñas xerais foi un bo verán e grazas aos profesionais dos que dispoñemos (12 socorristas acuáticos e 8 terrestres) resolvéronse tódolos rescates e incidencias sanitarias e non houbo ningunha víctima mortal” destacou Marcos Fernández, coordinador xefe do Servizo de Salvamento e Socorrismo e responsable do GAEM de Ribeira.
Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez agradeceu o magnífico traballo que fixeron os socorristas e os membros do GAEM durante todo o verán “a pesar da perigosidade de praias como a Ladeira ou o Vilar” e recalcou o seu compromiso de “reforzar o traballo de socorrismo dende o goberno municipal e de profesionalizar o servizo”.