O presidente da Xunta destaca Este Plan de xestión mobilizará un orzamento de 67,8 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 70% (máis de 47 millóns) e o outro 30% achegaranos outras administracións afectadas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aprobación do primeiro Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia-Costa, a única que depende só da nosa comunidade. Este documento abrangue o período 2015-2021, intégrase no Plan Hidrolóxico que se aprobou o pasado mes de outubro e adáptase á normativa europea e estatal.
Os avances técnicos aínda non nos permiten prever as catástrofes naturais, nin moito menos evitalas, pero o que si está nas nosas mans é darlles a mellor resposta posible, de xeito coordinado e tendo sempre como obxectivo minimizar os danos que poidan producir estes fenómenos naturais, explicou o presidente.
Este Plan de xestión mobilizará un orzamento de 67,8 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 70% (máis de 47 millóns) e o outro 30% achegaranos outras administracións afectadas. Deses 67,8 millóns, o 62,4% van destinados a mellorar os sistemas de protección ante inundacións. O obxectivos básicos deste documento son dous: diminuír o risco de inundación e reducir as consecuencias negativas que poidan producir.
Áreas de risco potencial significativo de inundación
A creación do Plan de xestión de risco de inundacións, segundo explicou o presidente, seguiu tres etapas. A primeira foi a avaliación preliminar do risco de inundación, durante a que se identificaron 207 Áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi). A segunda foi a creación de mapas de perigo e risco de inundación. A terceira, que se culmina hoxe, é a elaboración do Plan, que se caracterizou por unha intensa participación pública, tal e como subliñou o Feijóo. Recibíronse case 100 observacións dos axentes económicos, sociais e ambientais, das que se aceptaron total ou parcialmente un 60%, tal e como detallou.
Das 207 Arpsi que declara este Plan, pertencen 168 delas a áreas fluviais e as 39 restantes a áreas costeiras. Ademais, clasifícanse en tres zonas: a A, de perigosidade e risco altos; a B, de perigosidade alta e risco medio-baixo; e a C, de perigosidade e risco medios-baixos. A práctica totalidade das 207 áreas pertencen a esta última clasificación. Así e todo, inclúese un programa de medidas e unha análise particular para cada unha das áreas.
As medidas que recolle o plan englóbanse en catro eixos: prevención, protección, preparación e recuperación e avaliación. Respecto da prevención, limita os usos do chan nas zonas inundables, propón a adaptación dos plans urbanísticos e a creación de programas de conservación de canles fluviais e do litoral. No relativo á protección ante inundacións, o plan propón a restauración fluvial e reforestación de ribeiras, a mellora na explotación de encoros, a mellora de drenaxe en infraestruturas e outras medidas estruturais.
Respecto do terceiro eixo, o Plan tamén recolle medidas para prepararnos ante inundacións, como a mellora de sistemas de alerta meteorolóxica e de alerta hidrolóxica, dos protocolos de actuación e das estratexias de autoprotección na poboación e os axentes sociais ou económicos.
Para o caso no que, finalmente, a inundación se produza, o Plan establece medidas de recuperación e revisión: que se executen as obras de emerxencia para reparar infraestruturas afectadas, promover que se contraten seguros fronte a inundacións e que se analice e diagnostique a xestión dos eventos de inundación.
Medidas concretas
Feijóo relatou algunhas das medidas concretas que se recollen no documento, a creación, o ano que vén, dun grupo I+D+i especializado en inundacións; a elaboración de plans específicos de actuacións nas Arpsi fluviais, que xa están orzamentados; a actualización do Plan especial de protección civil, a elaboración de plans locais dentro das Arpsi en 2016 e o desenvolvemento de estudos para estimar as magnitudes das avenidas, así como a frecuencia e magnitude de temporais costeiros, ademais da redacción de proxectos de restauración fluvial e costeira.
Como apuntou, este Plan será aprobado no Consello de Ministros do Goberno central mediante Real Decreto, algo que se agarda que suceda ao longo deste mes.
Por último, o xefe do Goberno galego citou catro grandes beneficios que o Plan de xestión de risco de inundación producirá para a sociedade galega: mellorará a nosa calidade de vida e a protección do medio natural, ampliará a protección da poboación fronte a eventuais inundacións e perfeccionará a identificación das causas dos problemas e as medidas para solucionalos.