Aprobada por unanimidade, tras a introdución dunha emenda por parte do BNG, a moción presentada polo PP
A corporación municipal aprobou este luns, de xeito unánime, unha moción presentada polo PP sobre o necesario arranxo da avenida de Fisterra, que forma parte da estrada autonómica AC-552 ao seu paso pola zona urbana de Carballo. O BNG introduciu unha emenda, foi aceptada polos populares, para que como primeiro punto figurase a solicitude á Xunta de Galicia, como titular da vía, da sinatura dun protocolo de colaboración como paso previo para acometer un proxecto de arranxo integral.
Unha vez asinado ese protocolo, o Concello de Carballo asumiría a redacción do proxecto, e posteriormente asinaríase un convenio entre ámbalas dúas administracións para acometer as obras. O goberno municipal amosouse disposto a colaborar no financiamento na porcentaxe que se determine e a asumir a titularidade da vía unha vez executada a reurbanización. Neste sentido, o alcalde, Evencio Ferrero, lembrou que os treitos xa arranxados na mesma vía acometéronse cun procedemento semellante, e que a Xunta de Galicia asumiu o 100% do financiamento das obras.
Malia a unanimidade, este punto foi o más debatido da sesión ordinaria do luns. O PP, representado por só catro concelleiros polas ausencias de Isabel Cotelo Recarey e José Rey Torres, tamén presentou, como está a facer na maioría dos concellos españois, unha moción contra a tramitación dunha lei de amnistía por parte do Goberno do Estado. A iniciativa foi rexeitada tanto polo BNG coma polo PSOE.
Na sesión ordinaria deste luns foi aprobado, cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP, o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por importe de 19.743,53 euros. O estudo de detalle para o reaxuste das aliñacións no entorno de Pedra Furada foi aprobado de xeito definitivo por unanimidade, igual que o expediente de inicio da desafectación da escola infantil de Gontade (Ardaña), na que veñen de rematar as obras de acondicionamento para poder dedicala a usos educativos e/ou sociais.